'Asterix' (José Bové) vén até Galiza para apoiar Ana Miranda

Activista, agrarista francés, símbolo de resistencia á globalización, José Bové estará no país na quinta feira, 1 de maio, para respaldar á candidata do BNG, coa que partillou nesta lexislatura traballo na Eurocámara.

jose_bove

É, desde hai anos, o rostro coñecido en gran parte de Europa por simbolizar a resistencia e o combate contra a Globalización, a Troika e na defensa do dereito a vivir e producir con dignidade. José Bové, activista francés, estará esta quinta feira1 de maio na Galiza. O motivo, apoiar á candidata do BNG nas eleccións do vindeiro 25 de maio, Ana Miranda.

Bové, alcumado Asterix, é o Candidato do Grupo Verdes/ALE á presidencia da Comisión Europea. Participará na manifestación do 1º de Maio en Vigo con Ana Miranda, o portavoz nacional, Xavier Vence, e unha ampla representación do BNG, nunha xornada de apoio á candidata nacionalista, que incluirá unha comparecencia ante os medios de comunicación e, xa en Santiago de Compostela, un acto con agricultores, gandeiros e ecoloxistas.

Labrego, símbolo da loita contra a globalización e as multinacionais da alimentación, como eurodeputado nesta Lexislatura exerceu como portavoz na defensa da proposta do Grupo Verdes/ALE para unha Política Agraria Común (PAC) pensada “para os que viven traballando a terra e non para os rendistas da terra”, en coincidencia coas propostas formuladas polo BNG a través de Ana Miranda.

Comentarios