ELECCIÓNS

Besteiro será o novo secretario xeral do PSOE galego

O presidente da Deputación de Lugo cumpre cos prognósticos e vence con claridade nas primarias consultivas do PSdeG fronte a candidatura de Manel Vázquez.

Ramón Gómez Besteiro (Foto: Nós Diario).
photo_camera Ramón Gómez Besteiro

Tal e como se auguraba, o presidente da Deputación de Lugo, Xosé Ramón Gómez Besteiro, será o novo secretario xeral do PSOE galego após vencer nas primarias consultivas ao alcalde da Illa de Arousa, Manel Vázquez. Substituirá a Pachi Vázquez o lugués, que obtivo o apoio do 77 por cento dos votos, polo 21 do arousán, segundo as primeiras informacións.

Fixéronse bos os prognósticos e tamén o apoio case unánime a Besteiro por parte do aparato do partido, circunstancia moi significativa. Besteiro presentouse durante a campaña como un líder “rexenerador” pero moderado, contra o discurso máis esquerdista que lanzou o seu adversario.

Outro dato importante da xornada era a participación, “desigual pero razoábel” segundo o secretario xeral saínte, que deixará o seu cargo de forma oficial no Congreso que celebrarán nunhas semanas. Acudiron ás urnas arredor da sesenta por cento da militancia, segundo os primeiros recontos.

Gómez Besteiro naceu o 15 de novembro de 1967 en Lugo. É Licenciado en Dereito. Entre 1999 e 2007, foi voceiro do equipo de goberno no Concello de Lugo, Concelleiro de Urbanismo e Deputado provincial. Desde 2007 é presidente da Deputación provincial, onde goberna en coalición co BNG.