O Bloque pregunta no Congreso polo “escurantismo” do Tratado EUA-UE

A deputada nacionalista Rosana Pérez quere saber se o goberno español é favorábel a que “as multinacionais poidan demandar aos estados cando as normas aprobadas poidan afectar á súa capacidade de negocio”.

O Bloque desexa coñecer a opinión do goberno de Mariano Rajoy sobre as negociacións do Tratado de Libre Comercio entre Estados Unidos (UEA) e a Unión Europea (UE), que se están producindo en secreto pero das que xa se coñecen indicios que apuntan a un decisivo paso na imposición do modelo neoliberal, o mesmo que desde a esquerda consideran responsábel da actual crise económica e as enormes desigualdades mundiais.

Así, a deputada do BNG Rosana Pérez presentou unha pregunta no Congreso, segundo a cal esixe coñecer a postura do executivo do PP “ante unha negociación que está xerando unha gran preocupación desde o punto de vista económico, laboral, social e político, polas temíbeis repercusións dun Acordo que só persigue a desregularización total”.

"A ninguén se lle escapa a decisiva influencia que lobbies económicos exercen en destacadas forzas políticas", lembra o BNG

Segundo o escrito presentado por Rosana Pérez na Cámara estatal, “a intención de Estados Unidos e a Unión Europea é outorgar un excesivo poder aos intereses das empresas multinacionais co único fin de garantir as súas inversións e multiplicar os seus ingresos”. “A ninguén se lle escapa a decisiva influencia que lobbies económicos exercen en destacadas formacións políticas, que teñen nas súas mans os gobernos de moitos estados. Presión que se traduce na aprobación de lexislacións en favor dos seus intereses económicos”, engade o BNG.

Escuridade

Deste xeito, a representante do nacionalismo galego en Madrid -que critica o “escurantismo” que existen arredor do Tratado- solicita saber “se o Goberno comparte a idea dun maior desregulamento nas relacións comerciais”. “Non cren que estamos ante unha auténtica cesión de soberanía por parte dos estados en beneficio dos intereses de grandes multinacionais e entidades financeiras?”, pregunta o Bloque, que tamén quere saber se o goberno español é favorábel a que “as grandes empresas poidan demandar aos estados cando as normas aprobadas poidan afectar á súa capacidade de negocio”.

Comentarios