O BNG achaca a baixa participación á deslexitimación da UE e intereses do bipartidismo

O secretario de Organización agradece o ''traballo extraordinario'' da militancia nun contexto “con todo en contra”. AGE valora como "triunfo do bipartidismo e do sistema" a baixa participación. 

bieito lobeira
photo_camera bieito lobeira

Bieito Lobeira, secretario de Organización do BNG, fixo unha primeira valoración da participación electoral quince minutos despois de pechados os colexios electorais. Lobeira atribúe a escasa asistencia d@s galeg@s ás urnas a dous factores: “Que vote menos da metade da populación chamada a facelo indica unha perda crecente de lexitimidade das institucións europeas”.

A isto, o responsábel de Organización da fronte nacionalista engade que “PP e PSOE estiveron empeñados en dar un perfil baixo a esta campaña electoral. Hai unha responsabilidade política evidente das forzas políticas do sistema nesta baixa participación”.

Agradecemento á militancia

Mais as primeiras palabras da comparecencia de Bieito Lobeira non foron para valorar a participación, senón para, dixo, ter “palabras de agradecemento, de recoñecemento do extraordinario traballo e entrega de simpatizantes e militantes do BNG. Non temos palabras para falar do enorme orgullo do BNG desta militancia que fixo de todo nun contexto duro e difícil”.

Para Lobeira, o “traballo militante foi chave para popularizar a alternativa nacionalista. Sexan cal sexan resultados, cunha militancia así o BNG gañou”.

AGE: baixa participación, triunfo do sistema

 Por parte de Alternativa Galega de Esquerda, as primeiras declaracións viñeron da man dos seus dous coordinadores de campaña, Rubén Pérez, de EU, e Martiño Noriega, de Anova, que cualificaron as baixas cifras de participación como un “triunfo do bipartidismo e do sistema”. Malia iso, á espera de resultados, confían en que os votos “golpeen” ás políticas do PP. Para Martiño Noriega que AGE obteña uns resultados óptimos en Galiza supón a entrada “na internacional dos agredidos”. Segundo apuntou o alcalde de Teo, durante a campaña percibiuse unha mobilización da “esquerda consciente”. PP e PSOE evitaron, segundo engadiu "falar dos problemas reais e de como as políticas europeas afectan de xeito directo no día a día da cidadanía”.

Para Martiño Noriega, o PP e o PSOE “enfriaron” unha campaña nunha operación que ten como resultado o descenso da participación mais, de todas maneiras, agarda que as elección europeas supoñan unha “derrota de quen agrediu á cidadanía”. 

AGE volverá a facer unha comparecencia pública cando se teñan os resultados das urnas coa súa cabeza de lista, Lidia Senra ademais dos voceiros de Anova e Esquerda unida, Xosé Manuel Beiras e Yolanda Díaz. 

O PP, satisfeito

O secretario xeral do PPdeG, Alfonso Rueda mostrou, pola contra, o seu contento porque o nivel de participación da xornada electoral sexa similar ao do 2009, tanto en Galiza como no Estado español e non se producira a “baixada histórica” que anunciaban as enquisas. 

É unha boa noticia que lexitima o resultado que se produza, sexa cal sexa”, sinalou. O presidente da Xunta, Núñez Feijóo, fará as valoracións do PP xa cando se teñan os resultados das eleccións. 

PsdG: as europeas, lonxe da cidadanía

A secretaria de Organización do PsdeG, Pilar Cancela, fixo fincapé nas primeiras declaracións na “normalidade e a participación democrática dos galegos”, cunha abstención que achou similar á do 2009. Malia iso, sinalou que non se poden “dar por satisfeitos coa abstención” e recoñeceu que as eleccións europeas, “non chegan tanto ao cidadán como pasa nunhas autonómicas ou nuns comicios estatais”. 

CxG: coñecemento da marca

O candidato de Compromiso por Galiza, Carlos Paulo López, valorou en declaracións a Irmandade TV a súa formación encarou estes comicios como “unha primeira fase de cara ás eleccións municipais” e unha maneira de dar “coñecemento á marca”. Para CxG o resultado sería óptimo se “superara porcentualmente os resultados das autonómicas” e afirmou que os datos son positivos nos concellos nos que a formación ten representación. De todas maneiras, cualificou de “preocupante” que máis da metade da cidadanía non tivese optado por votar nestas eleccións. 

Comentarios