BNG e AGE saen en defensa dos intereses pesqueiros de Galiza “fronte ao despece do PP”

Ana Miranda acusa o candidato do PP de “non mover un dedo pola frota galega, como si fixo pola andaluza”. “Esta Europa non quere que pesquemos, prefire os nosos barcos na chatarra”, engade. Pola súa parte, Lidia Senra pide que “o cemento deixe de destruír zonas de marisqueo”.

age-crop
photo_camera Mitin de Lidia Senra.

A cabeza de lista do BNG ao Parlamento Europeo, Ana Miranda, sinalou o candidato do PP, Arias Cañete, como “culpábel” do despece da frota cefalopodeira galega, a maioría da comarca do Morrazo, por tela deixado fóra o PP do acordo da UE con Mauritania. Nun mitin en Cangas xunto ao portavoz nacional, Xavier Vence, Miranda pediu á cidadanía que aproveite o 25 de maio para usar o voto e “mandar ao desguace a Arias Cañete e ao PP”.

Lembrou que Arias Cañete era ministro de Pesca cando se negociou en Bruxelas o acordo UE-Mauritania que deixou fóra aos barcos galegos: “Traizoou Galiza nesa negociación pesqueira, porque non moveu un dedo pola frota galega, como si fixo pola andaluza”, denunciou a nacionalista.
Miranda salientou que “Galiza é unha potencia pesqueira e ten que ser respectada, ten dereito a pescar e a poder producir”, por iso, denunciou as políticas da Unión Europea que incentivaron “o cese da actividade pesqueira e o desguace dos barcos”. “Esta Europa de mercaderes non quere que os barcos galegos vaian pescar, non quere que vaian ao mar, prefire que vaian á chatarra”, criticou. “Isto provoca paro, pobreza, emigración, miseria”, dixo a candidata do Bloque, que defendeu para o noso país “outras políticas” de “apoio aos sectores produtivos”.

"Galiza é unha potencia pesqueira e ten dereito a ser respectada, a pescar e poder producir", sinala a candidata do Bloque

Pola súa parte, a candidata de AGE, Lidia Senra, pediu unha Política Pesquera Común (PPC) que potencie a pesca artesán e o marisqueo, “garantindo ademáis un reparto xusto do dereito a pescar”. Nun acto de campaña en Ribeira, acompañada por Xosé Manuel Beiras e Yolanda Díaz, Senra demandou “unha política que impida que sigan ocupando o mar con recheos de cemento que destrúen o marisqueo”. Ademais, cargou contra o PP por “roubar o que non é seu”.

Compromiso

O candidato de Compromiso por Galicia ao Parlamento europeo, Paulo Carlos López, pola súa conta, esixiu durante un reparto informarivo en Ferrol que o Banco Europeo de Investimentos “non só faga demitir a Magdalena Álvarez senón que tamén se comprometa coa comarca de Ferrolterra, investindo para reactivar a súa economía e crear emprego”.

No PP, o seu secretario xeral en Lugo, Xosé Manuel Barreiro, pediu o voto para Arias Cañete, “que foi quen mellor defendeu a pesca galega”. Por último, o candidato galego do PSOE, José Blanco, acusou ao goberno de estar formado por “pirómanos vestidos de bombeiros”.

Comentarios