BNG e Bildu defenden o dereito a decidir e denuncian o modelo antidemocrático da UE

BNG e EH Bildu asinaron o acordo para concorrer en coligación ás eleccións europeas do 25 de maio. O dereito a decidir e o rexeitamento das políticas impostas por Bruxelas e Troika son algunhas das chaves dun programa pensado e elaborado desde ''abaixo e desde a esquerda''.

BNG e EH Bildu asinaron esta sexta en Bilbo o acordo de coligación para as eleccións do vindeiro 25 de maio e alicerzar así unha aposta clara e sen complexos por, afirmaron, “levar a voz dos pobos” ao Parlamento europeo. O secretario de Organización da fronte nacionalista, Bieito Lobeira, e o presidente de Sortu, Hasier Arraiz, rubricaron o documento.

Nun contexto de “involución social e retrocesos democráticos preocupantes”, ambas as dúas organizacións soberanistas teñen clara que é máis necesaria ca nunca “unha aposta pola democracia participativa” na que sexa a cidadanía a determinante.

O BNG lembra que presenta a súa propia candidatura e o seu propio programa electoral 

Facer fronte contra a “hipoteca sobre o futuro dos pobos”

“O impulso decidido á soberanía das nosas respectivas nacións é a forma máis segura de avanzar cara un modelo máis aberto, xusto, solidario e igualitario”, manifestou Lobeira.

Tanto para BNG como para a esquerda abertzale, esta coligación é un camiño certo “para combater os plans da Troika e (...) contra os que despexan os dereitos das persoas”

Entre as medidas que BNG e EH Bildu se comprometen a defender está a instauración dunha renda básica europea, así como a defensa de que os pobos dispoñan dos seus propios recursos para poder así “desenvolver as súas capacidades produtivas, xeradoras de emprego, riqueza e benestar social”.

"O soberanismo de esquerdas ten claro que quen hai quen combater é aos que despexan os dereitos das persoas"

Votar Ana Miranda "é defender Galiza"

O portavoz nacional, Xavier Vence, explicou que a coalición con Bildu para as eleccións europeas do 25 de maio garante que o BNG vai ter capacidade para defender os intereses de Galiza no Parlamento europeo desde o primeiro día da vindeira lexislatura da Eurocámara, e insta á cidadanía a aproveitar eses comicios para frear as políticas retrógradas que o PP aplica “con dilixencia” ao ditado da Troika.

O dirixente nacionalista subliñou que o BNG presenta a súa propia candidatura e o seu propio programa electoral co dobre obxectivo de defender os intereses de Galiza e de contribuír a construír outro modelo de Europa, solidaria e dos pobos.

Para o PP, o BNG está a lexitimar "50 anos de terrorismo en España"

O PP axita a pantasma terrorista

Non pasaran nin 10 minutos da sinatura en Bilbo por BNG e EH Bildu do acordo para concorrer en coligación a Europa e xa o PPdeG emitía un comunicado oficial sobre este tema. A portavoz popular, Paula Prado, afirma que “coa súa decisión de aliarse con Bildu, o BNG está pedindo aos galegos lexitimar 50 anos de terrorismo en España”. Mais non só dixo isto, a voceira do PP de Galiza tamén criticou “as dificultades que ten o BNG para condenar accións que a propia Audiencia Nacional considera terroristas, como é o caso das de Resistencia Galega”.

Comentarios