DEBATE DO ESTADO 2015

Davila denuncia incumprimentos do Estado con Galiza e Rajoy pon de exemplo de compromiso Pemex

Fernández Davila falou das problemáticas económicas e sociais do país – da perda do sistema financeiro aos sectores naval, lácteo ou pesqueiro-. Rajoy reprochoulle que fose ‘’tan crítica’’. Ela lembrou que o 40% das partidas para Galiza do OXE “non se executaron”. Vídeo no interior.

olaia24f5104

Galiza fixo acto de presenza no debate do Estado na segunda sesión que decorreu esta cuarta feira. Até entón apenas tivera oco no que se ten polo principal acto político do ano no Estado español. Na primeira sesión o noso país apareceu en dúas referencias feitas por Mariano Rajoy, unha para presumir do sistema sanitario de Galiza como dos mellores do Estado e outra para lembrar que de neno viviu en “Carballino, Orense”. A patada á toponimia propia de Galiza volveulla dar Rajoy nesta segunda sesión cun "Lorenzana" no canto do oficial 'Lourenzá'.

A presenza de Galiza no #DEN2015 produciuse por boca da portavoz do BNG, Olaia Fernández Davila, que criticou duramente a política desenvolvida polo executivo español neste tempo, unha política que cualificou de “demoledora” para cos “dereitos liberdades” das persoas. Un goberno “nulo para Galiza”, asegurou a parlamentar nacionalista, que lembrou a “desfeita das caixas” que impediu que o país “tivese un sistema financeiro” por “vender a prezos de saldo” a entidade galega. Os recortes e incumprimentos - “máis do 40% das partidas dos Orzamentos do Estado para Galiza non se executaron”- tamén foron citados por Davila. Enumerou a situación de sectores como o naval, pesqueiro ou lácteo; a falla de compromiso en infraestruturas chave para o País (“permiten a política despótica da concesionaria da AP9"); e acusou Rajoy de non facer nada fronte a corrupción.

A deputada denunciou a emigración de milleiros de mozos galegos, os recortes en Sanidade e Educación ou a tesoirada de 120 millóns de euros do PP na Lei de Dependencia en Galiza nestes dous anos. “Hai alternativas ás súas políticas e desde o BNG temos propostas”, dixo Fernández Davila, que acusou o goberno español xa non só de “negar o dereito a decidir”, senón de impulsar “unha recentralización invadindo para iso mesmo competencias autonómicas”. Advertiu a Rajoy e que a negativa do “carácter plurinacional do Estado” leva a ningures e denunciou na Cámara baixa española que os galego-falantes non teñen garantidos todos os seus dereitos.

A parlamentar tamén lembrou as vítimas do Alvia e as súas familias, insistindo na creación dunha comisión de investigación, unha demanda de vello do BNG no Parlamento español e galego.

A8 e Pemex, de exemplo

Na quenda de réplica, Mariano Rajoy defendeu as políticas do seu goberno e pediulle a Davila “un pouco de ponderación e xustiza” pois “houbo cousas positivas” na actuación do Estado en Galiza. Como exemplo puxo a A8 -non falou da néboa que leva a cortar a autovía en Mondoñedo- e dos acordos con Pemex. Acordos que estes días volveron estar de actualidade: En Ferrol porque parte da construción do flotel de Pemex foi desviado fóra de Galiza. En Vigo, porque Pemex abandonou os proxectos que tiña neste estaleiro. 

Comentarios