O BNG dá voz no #DEN2014 a vítimas do Alvia, preferentistas, emigrantes retornados e colectivos afectados pola crise

A intervención de Olaia Fernández Davila no Congreso criticou a política anti-social e re-centralizadora de Rajoy, levando á tribuna do Congreso colectivos galegos afectados polas medidas e desleixos do executivo español.

olalha 2
photo_camera [CC BY-SA Sermos Galiza]

Olaia Fernández Davila xa anunciara que a súa intención neste Debate do Estado (#DEN2014) ía ser dar voz a Galiza na cita máis importante do ano no Congreso español. Unha voz, aclarou, que non sería en abstracto senón concretada en colectivos afectados pola crise e/ou por decisións do executivo español.

A parlamentaria por Pontevedra comezou reprochando a Mariano Rajoy que “todas as súas reformas foron recortes: de salarios, de liberdades, de servizos públicos...”. Unha aposta do PP que levou, afirmou a deputada do BNG, a que “o estado español é o que ten peor protección laboral da UE” e que o único que fixo o goberno foi “entregar todo o poder á patronal”.

Defensa

Davila puxo voz ás demandas das vítimas do accidente de Angrois, criticando a Rajoy polo feito de o seu partido negarse “sistematicamente” en Galiza a constituír unha comisión de investigación malia as revelacións que apuntan á responsabilidades alén do maquinista.

Davila criticou a marxinación do sector agro-gandeiro galego nos fondos da PAC ou a discriminación coa pesca de Galiza no reparto de cotas

A venda “apresurada e opaca” de NGB tamén estivo no discurso do BNG. A nacionalista criticou que o PP vendese “a prezo de saldo” unha entidade financeira que “non quixo declarar sistémica, como Bankia”. Alén de perder os e as contribuíntes 8.000 millóns de euros coa venda, Davila incidiu que con ela perdeuse a posibilidade de crear unha banca pública galega ao servizo do tecido produtivo e da cidadanía galega.

Nesta liña, Olaia Fernández Davila lembrou ao goberno que aínda hai 35.000 preferentistas galegos que non recuperaron os seus aforros, e tamén citou os emigrantes retornados: “milleiros son tratados por Facenda como estafadores”.

A deputada lembroulle a Rajoy que hai aínda 38.000 preferentistas galeg@s @s que non se devolveron os aforros

Sector agro-gandeiro

Na súa exposición, a parlamentar falou ante Rajoy da “enorme decepción dos sector agro-gandeiro galego coa PAC: son o 9% do estado e só reciben o 3% dos fondos. Vostedes seguen a primar os latifundios”. Tamén citou Olaia a pesca galega, “discriminada” en repartos de cotas como as do xurelo e a xarda.

Soberanía dos pobos

“Desde o BNG aspiramos a que se recoñeza a realidade nacional de Galiza. Rexeitamos a súa intransixencia ao impedir o dereito a decidir”, dixo a deputada do BNG, que denunciou que “o sistema actual está deseñado para integrarse nunha UE desigual e centralizada”.

Defendeu a realidade nacional de Galiza e cualificou de "intransixente" que o goberno español non deixe decidir a Catalunya o seu futuro

Por último, centrou Fernández Davila nas leis de Gallardón os recortes e pasos atrás que está a dar este goberno en materias de dereitos e liberdades: desde o aborto até a lei de seguridade cidadá, pasando polas taxas xudiciais e a privatización dos rexistros civís.

Comentarios