BNG e EH Bildu debaten con colectivos sociais a estratexia de traballo na Eurocámara

Ana Miranda e Jon Juaristi manterán esta quinta feira en Compostela un encontro con colectivos e entidades sociais e sindicais.

O escano obtido por EH Bildu e BNG na Eurocámara a través da coligación ‘Os pobos deciden’ non vai ser un simple escano individual, senón que ten vocación de ser o escano nacional de Galiza e Euskal Herria ao servizo das maiorías sociais. Un obxectivo que ambas as dúas formacións queren partillar con colectivos, entidades e plataformas sociais á vez que se nutren de achegas, ideas e propostas.

Esta quinta feira hai unha xornada en Compostela na que se dará a coñecer as trasbes mestras da testratexia do BNG e EH Bildu na Eurocámara, unha xornada que contará coa presenza do eurodeputado abertzale Josu Juaristi.

"O escano vai seguir a ser o escano do pobo galego, e será tamén un escano que combata sen tregua as políticas da Troika e dos lobbies"

No marco do programa ten un papel destacado un encontro con colectivos sociais e sindicais dos sectores máis afectados por políticas comunitarias así como un acto aberto que terá lugar en Santiago na Praza do Toural. No encontro cos colectivos e organizacións sociais están convidados representantes dos sectores económicos como o naval, pesqueiro e agrogandeiro, -particularmente vinculados ás políticas da UE-, representantes das plataformas e movementos sociais “máis activos na rúa cuxas demandas estiveron condicionadas polas decisións de Bruxelas, tanto no Parlamento como na Comisión europea”.

Contra a Troika

“O escano do BNG vai seguir a ser o escano do pobo galego, e será tamén un escano que combata sen tregua as políticas da Troika e dos lobbies da banca e das multinacionais que impoñen políticas que están machando á xente e arrasando os nosos sectores produtivos”, salienta Ana Miranda.

“Rexistraremos de inmediato unha iniciativa sobre o sector naval para garantir que se cumpra o levantamento de veto nos estaleiros públicos ferrolás, unha proposta en relación a Rede Natura, toda vez que a Xunta segue a ignorar as recomendacións europeas e, tamén en materia medio ambiental, a proposta de que se prohiba o uso de cianuro nas explotacións mineiras”, explica Miranda. Emigrantes retornados, contrarreforma do aborto e a problemática dos cursos de galego para acadar as titulacións do Celga, tamén entre os temas que centrarán o traballo do BNG no inicio da Lexislatura na Eurocámara.

Comentarios