O BNG participa en Bilbo nunha cimeira internacional de organizacións soberanistas e de esquerdas contra a Troika

Organizado por EH Bildu, este encontro internacional ''pola transformación social e a soberanía” reúne en Euskal Herria a representantes da fronte nacionalista galega, do Sinn Fein (Irlanda), UDB (Bretaña), CUP (Catalunya), Die Linke (Alemaña) ou Bloco (Portugal), entre outros.

Bilbo1395-Troika_go_home

Formacións soberanistas de esquerdas de diferentes nacións e estados de Europa teñen este domingo unha cita en Bilbo nun cumio organizado por EH Bildu e coa finalidade de debater, analizar e propor alternativas ás políticas financeiras da Troika. A xuntanza desenvolverase na véspera da realización en Bilbo do 'Foro Global España 2014: da estabilidade ao crecemento', na que estarñan presentes o presidente español, a directora xeral do FMI ou o secretario xeral da OCDE, entre outros.

Maite Ubiria e Oskar Matute, de EH Bildu, presentaron este cumio que se desenvolverá na Praza do Ensanche de Bilbo, aberto á cidadanía, e sob o lema 'Troikaren aurrean, gure bidea: eraldaketa soziala eta burujabetza' (Fronte a Troika, o noso camiño: transformación social e soberanía).

A formación abertzale informou de que a esta cita está prevista a asistencia de representantes de Sinn Féin (Irlanda), Syriza (Grecia), Bloco de Esquerda de Portugal, Sinistra Ecologia Liberta (Italia), Die Linke (Alemania), UDB (Bretaña), BNG (Galiza) e CUP (Catalunya), entre outras formacións.

A soberanía, alicerce para unha verdadeira transformación social

Nestas xornadas, e como informa Naiz, daranse a coñecer “que modelos de loita e reivindicación están a se desenvolver nos países de Europa, mais non só centrados en cal é a resposta que se dá nas rúas e institucións a ese modelo de políticas usurpadoras de dereitos, senón tamén sobre o debate das ideas e as alternativas para construñir ese novo modelo”, manifestou Maite Ubiria.

Oskar Matute lembrou que na vindeira segunda feira vanse reunir en Bilbo “a maior cantidade de responsábeis do empobrecemento mundial e da vulneración de dereitos sociais e laborais que xamais se congregaran en Euskal Herria”. E como resposta a ese encontro, desenvólvese este cumio, así como manifestacións e outras actuacións.

Comentarios