BNG: renda social, vivenda pública en alugueiro e IVE supereducido para servizos básicos

Mondoñedo acolle a xornada de presentación e debate das achegas e propostas en materia sociail que a fronte nacionalista vai defender ante a UE. A candidata Ana Miranda incidiu na necesidade dunha Galiza ''con voz, voto e veto'' naquelas cuestións que lle atinxan.

Ana Miranda no Parlamento europeo
photo_camera Ana Miranda no Parlamento europeo

O BNG realizou en Mondoñedo o acto de presentación das propostas, ideas e alternativas sociais que a fronte nacionalista defenderá na Unión Europea. Unhas medidas, como salientou a candidata nacionalista Ana Miranda, coa que reverter esa saída á crise “que se leva por diante sectores produtivos e clases traballadoras” que están a ser, engadiu, “esmagados por esta Europa anti-democratica e anti-social.

As persoas "están sendo esmagadas por esta Europa antidemocrática e antisocial que aplaude o PP aplicando as súas políticas de recortes con entusiasmo desde Madrid e desde Galiza”

A candidata fixo fincapé en propostas como acadar unha Renda social europea, “que garanta uns ingresos mínimos de supervivencia ás familias”, crear un parqué de vivendas públicas en alugueiro a partir dos pisos que teñen en propiedade os bancos rescatados con fondos europeos (41.300 millóns de euros no caso español). Igualmente, aplicar o IVE supereducido a servizos básicos coma a luz, gas ou auga, e reforzar o sistema público de pensións suprimindo calquera axuda aos plans e seguros privados.

Voz, voto e veto

“Superar” o actual modelo da UE para dar paso a unha Europa, “solidaria e dos pobos”, na que teña cabida unha Galiza soberana “con voz, voto e veto nas institucións comunitarias en todos aqueles temas que lle afecten directamente” é outro dos compromisos que defende o BNG.

Ezste tipo de propostas, salientou Miranda, son a antítese da UE dos estados, os mercados e a Troika, esa Unión Europea “que leva como referente a Arias Cañete”.


 


 

Con Miranda participou tamén na xornada o alcalde de Mondoñedo, Orlando González, o de Allariz, Francisco García, a deputada Montse Prado, Elvira Lombao, da Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público, Victor Vila, da Plataforma en Defensa da Sanidade Publica na Mariña, Bernardo Pérez, da USC, así como responsables locais e comarcais do BNG na Comarca da Mariña.

Comentarios