O BNG salienta que, ''malia ter todo en contra'', Galiza ''conseguiu ter voz en Europa''

O portavoz nacional Xavier Vence cualificou o resultado do BNG de "fantástico". A candidata Ana Miranda enfatizou que no Europarlamento ''vai haber nación galega''.

DSCN4881

“Un resultado fantástico que permite a representación de Galiza en Europa”. O portavoz nacional do BNG Xavier Vence valorou desta forma os resultados de BNG e 'Os pobos deciden' nesta xornada. Vence e a candidata Ana Miranda compareceron arroupados polos integrantes da Executiva e militantes nacionalistas para destacar a importancia de ter europarlamentario.

O portavoz nacional comezou facendo un “recoñecemento a toda militancia e simpatizantes do BNG nunha campaña marcada pola austeridade e nun contexto moi difícil e duro”. Xavier Vence apuntou a que “tivemos todo en contra, e a pesar diso temos unha organización viva”.

Obxectivo cumprido

Os 324.423 logrados por Os Pobos Deciden son para o portavoz “a culminación do obxectivo fixado: Galiza ten voz propia no Parlamento europeo”. Unha representación atinxida nun escenario no que Vence tamén destacou “o estourido do bipartidismo españolista. A poboación dixo abonda”.

O portavoz concluíu a súa intervención cunha mensaxe clara: “A cidadanía vén de nos dicir claramente que precisamos un proxecto nacionalista de esquerdas e o BNG quere ser o motor dese proxecto”.

Ana Miranda: “Viva Galiza Ceive!”

A candidata Ana Miranda, cunha intervención emocionada, quixo agradecer o apoio electoral desas perto de 80.000 persoas. Salientou o traballo feito nesta campaña por militancia e simpatizantes e resaltou que a “nación galega” vai estar no Europarlamento. Puxo o ramo ás súas palabras cun “Viva Galiza ceive!” aplaudido e coreado por militantes e simpatizantes.

Comentarios