Bové chega a Galiza para apoiar o BNG fronte o ''fracaso do actual modelo estatal''

O activista e labrego de Lanzac estivo en Galiza para apoiar a candidatura de Ana Miranda e participar na manifestación da CIG do 1º de maio. ''Defendemos a nosa terra, a nosa casa e non podemos deixar que nola rouben”.

Jose Bové veu até Galiza cun obxectivo: apoiar a candidatura de Ana Miranda (BNG) para as eleccións europeas. Mais tivo tempo de visitar na Estrada unha granxa ecolóxica, de participar en Vigo na manifestación da CIG polo 1º de maio e de se reunir en Compostela con representantes de diferentes colectivos.

Bové é un dos rostros coñecidos do movemento contra a globalización e polo desenvolvemento sostíbel. En Vigo afirmou que as axudas á banca e os recortes tan só xeraron pobreza e desemprego, aliás de apostar por “repensar desde cero” o actual modelo económico, “desfasado”.

Defendeu unha Europa social e dos pobos fronte o modelo actual, e por iso avogou pola alternativa que representa Ana Miranda, coa que partillou traballo e experiencia no grupo ALE-Os Verdes.

Bové foi contundente na denuncia do actual modelo de Europa marcada pola políticas que impón á Troika “que nos leva á catástrofe mediante a aplicación dun modelo neoliberal, no que os cidadáns máis pobres sonos que pagan a crise causada pola banca e o ladrillo”, salientou.

Contra os pobres

“A austeridade é unha resposta política dos Estados á crise provocada pola banca co obxectivo de rescatar a esta banca a costa de reducir os orzamentos sociais, en sanidade, pensións e todo iso acompañado dun aumento do desemprego. Incluso os economistas do FMI admiten que non é a solución”, denunciou. 

O campesiño de Lazarc advertiu: “A xente está indignada, rebélase porque ve como lle quitan o pouco que teñen mentres unha minoría se enriquece impunemente”, dixo, e lamentou que “non haxa tribunais que xulguen aos xefes de Estado que permiten que isto pase”.

Experiencia e compromiso

Pola súa banda, Miranda salientou o compromiso e o traballo de Jose Bové: “Xuntos combatemos os lobbies en Europa, e un gran experto, acaba de publicar un libro no que demostra como señores como Arias Cañete, candidato do PP, son capaces de facer lobbie en Bruxelas coas súas empresas e cos terratenentes e apoiar un modelo agrario e social europeo que nós combatemos”, explica Miranda.

Comentarios