ELECCIÓNS EUROPEAS 9-X

Casares exixe ao PP que explique a súa posición "en contra" de que cheguen fondos de recuperación á Galiza

O candidato do PSOE visitou a feira do barrio da Milagrosa, en Lugo

Lara Méndez, Nicolás G. Casares e Paula Alvarellos, este domingo en Lugo. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Lara Méndez, Nicolás G. Casares e Paula Alvarellos, este domingo en Lugo. (Foto: Nós Diario)

O candidato galego do PSOE ao Parlamento Europeo, Nicolás González Casares, exixiu este domingo ao PP que explique a súa oposición ao Plan de Recuperación da Unión Europea.

Nunha visita á feira do barrio da Milagrosa, en Lugo, o candidato amosou a súa sorpresa pola negativa sen fisuras do PP a que cheguen axudas de Europa “fundamentais para máis de 40.000 negocios, para a conexión de internet no rural ou a mellora das conexións ferroviarias”.

González Casares trasladou a súa “sorpresa” pola negativa de Feixoo á chegada dos fondos de recuperación, “fundamentais para unha comunidade autónoma como a Galiza que necesita do tren e das conexións ferroviarias”. Sinalou que “neste momento estanse executando 200 millóns de euros do Plan de Recuperación para a mellora das conexións ferroviarias e o PP non quere que cheguen a Lugo nin á Galiza”.

O candidato lembrou que a Galiza leva executado xa 2.500 millóns de euros dese fondo comunitario que o PP “non quere que cheguen”, obviando a “importancia” das axudas das que tamén depende o Plan Único de Banda Ancha que está levando internet “a cada punto e a cada aldea” nunha zona eminentemente rural. Resumiu Casares que o PP “rexeita que chegue o Internet que necesitan os negocios rurais para vender os seus produtos” dentro dun modelo de economía sustentable.

González Casares visitou este domingo a XXVIII Feira de Produtos do Campo e da Artesanía, que decorre no barrio da Milagrosa, en Lugo, xunto coa tamén candidata ao Parlamento Europeo, Elba Veleiro, a alcaldesa de Lugo, Paula Alvarellos, e a viceportavoz do Grupo Socialista no Parlamento da Galiza, Lara Méndez.

Comentarios