Eleccións Europeas 9-X

Casares destaca que os fondos europeos negociados polo Goberno benefician "unhas 4.000 persoas na provincia de Lugo"

O eurodeputado socialista destaca a queixaría Prestes como "un bo exemplo" do modo no que se poden aproveitar "os fondos de recuperación" que o Goberno socialista "trouxo á Galiza".
O eurodeputado do PSdeG Nicolás González Casares, xunto á alcaldesa de Vilalba, Marta Rouco, visitou a queixaría Prestes. (Foto: Nós Diario)
photo_camera O eurodeputado do PSdeG Nicolás González Casares, xunto á alcaldesa de Vilalba, Marta Rouco, visitou a queixaría Prestes. (Foto: Nós Diario)

O eurodeputado galego e candidato socialista á reelección, Nicolás González Casares, destacou esta terza feira que os fondos europeos de recuperación negociados polo Goberno do PSOE no Estado benefician "unhas 4.000 persoas na provincia de Lugo". González Casares visitou en compañía da alcaldesa de Vilalba (Terra Chá), Marta Rouco, as instalacións da queixaría Prestes, situada no polígono de Sete Pontes.

Durante o acto, puxo a empresa vilalbesa como "exemplo de innovación no medio rural", unha innovación que serve para "mellorar procesos e lanzar novos produtos" e que "ás veces necesita apoios e pancas" como as que sufraga a UE a través dos programas de axudas postos en marcha polo Goberno español.

"E iso tamén se fai na provincia de Lugo, onde hai case 4.000 beneficiarios dos diferentes fondos de recuperación", explicou. Entre eles, detallou o PERTE agroalimentario, que dá soporte a aspectos como a adaptación dixital e o desenvolvemento de novos produtos. Ademais, permite "iniciativas como as desta queixaría, mesmo con investigación con microalgas engadidas aos procesos lácteos".

González Casares destacou Prestes como "un bo exemplo" do modo no que se poden aproveitar "os fondos de recuperación" que o Goberno socialista "trouxo á Galiza", uns recursos que "outras formacións" non tiveron tan claros. Destacou, aliás, que eses fondos contribúen á dinamización de territorios alleos ás cidades e ás grandes industrias.

Durante a súa visita tamén fixo referencia á ampliación do prazo para solicitar as axudas da Política Agraria Común até o próximo 15 de xuño, "conseguido polo ministro [Luis] Planas en Bruxelas". "É unha moi boa noticia para os agricultores e os gandeiros da nosa terra e tamén para queserías como esta", porque beneficia os seus provedores, sinalou.

Comentarios