YOLANDA DÍAZ

"A clave está na organización social"

Yolanda Díaz, deputada de En Marea no Congreso e até este mesmo sábado 3 coordenadora nacional de Esquerda Unida (será a parlamentar Eva Solla quen lle dea o relevo) é quen se debruza este 3X sobre a xanela do Venhan Máis Cinco. 

Yolanda Díaz

-Como avalías o estado actual da política galega?

-O son actual da política galega está nun momento absolutamente de latencia, de impás. Está morna. Por dous factores, creo sinceramente, por unha parte porque estamos gobernados por un PP que forma parte da trama de corrupción masiva. Non esquezamos que o PPdG é o mesmo PP que o PP español e non nos esquezamos dos chamados papeis de Bárcenas, da financiación irregular do Partido Popular pero si que é certo que dá como a sensación de que non forma parte deste proceso e si que o fai. Estamos diante dun partido gobernante absolutamente podre, que porén, semella que non somos quen de sacarlle a careta  ou de mesmo poñelo contra as cordas. En segundo lugar, cunhas distintas forzas da oposición que se están reconfigurando e que creo estamos pulando por tecer como unha alternativa a unha maioría social. Creo que este é o enorme reto que temos, pero hai un terceiro paso que está xusto no medio que é xustamente a organización social e como non tezamos estruturas sociais fortes que axiten e dean unha patada definitiva ao taboleiro realmente estes cinco anos poden ser moi malos. Por tanto creo que o que deberíamos de centrarnos é xusto en termos organización social para dar á patada ao taboleiro e rachar o status quo que hoxe preside Alberto Núñez Feijóo.

-Que evolución agardas da política galega a cinco anos vista?

-É moito tempo. Se algo caracteriza este tempo histórico é xusto que non hai correlación entre o tempo político e o tempo cronolóxico. Falar de cinco anos é moitísimo tempo, non me atrevo. Pero si que creo no curto e no medio prazo a clave está na organización social para facer como se fixo sempre. É dicir, a tenda que somos quen de construír, ensanchala e axitar dese xeito o establishment liderado por unha parte substancial dos poderes fácticos galegos que son poucos, pero son potentes.

Sermos debería ser como máis aberto, ter como unhas costuras máis flexibles

-Que esperas de Sermos nos próximos cinco anos e en que cres que debemos e/ou podemos mellorar?

-Con Sermos sinto satisfacción por que existan medios de comunicación, especialmente xornais, no noso país que defendan a lingua e a cultura galega e que defendan Galiza por enriba de todas as realidades. Pero creo, como crítica constructiva, que Sermos debería ensanchar, rachar as súas costuras e non ser tanto un medio de comunicación, como é, vencellado a unha organización. Ser como máis aberto, ter como unhas costuras máis flexibles. Como muller galega que son sería o que me gustaría. Que sexa como moito máis plural e non teña tanto nesgo que é moi lexítimo e non nos imos meter nas liñas editoriais de xornais privados, só faltaría iso, pero dende logo que sería unha boa oportunidade para ensanchar esas costuras e digamos que, convertilo, nun ser como moito máis plural.

Comentarios