Compromiso elixe en primarias abertas quen será o seu cabeza de lista ás Europeas

Até o 23 de marzo militancia, simpatizantes e cidadáns poden votar por algún dos 4 aspirantes a encabezar a listaxe de CxG na cita do 25 de maio para o parlamento europeo.

Compromiso por Galicia candidatos

Teba Conde, da Agrupación Local de CxG de Teo, profesora de primaria en Laxe e membro do Consello Político Nacional de CxG; Paulo Carlos López, ex secretario xeral da Mocidade Nacionalista Galega e membro da Executiva de CxG; o ourensán Xosé Mosquera, profesor de Dereito Constitucional da Universidade de Vigo, e tamén membro do Consello Político Nacional; e Pablo Penedo, coruñés, non afiliado ao partido.

Neste proceso elexirase quen ocupará o posto asignado a CxG ( o 5º na listaxe) na candidatura a Europa liderada por CiU e PNV

Estas son as catro persoas entre as que militancia e simpatizantes de Compromiso están a elixir o seu candidato ás europeas, nun proceso de primarias abertas á cidadanía. As catro superaron o requisito da obtención do mínimo de dez avais para poder participar como candidatos no proceso de eleccións primarias desta organización.

As primarias comezaron a comezos desta semana e rematarán co escrutinio e proclamación de resultados o vindeiro 23 de marzo. Haberá sete colexios electorais, ordenados en torno ás sete cidades do país, cos seus correspondentes comicios, nos que se contará coa presenza dos catro candidatos.

Cada un dos partidos desta coligación europea manterá o seu perfil propio no seu respectivo territorio

O secretario xeral dos galeguistas, Xoán Bascuas, agradeceu aos catro posíbeis cabezas de lista o valor demostrado ao “dar un paso adiante no momento en que a cidadanía está cada vez máis lonxe da política”. 

Coligación 

CxG concorre a esta cita nunha coligación liderada polo PNV e CIU e da que tamén forma parte Coalición Canaria. A Compromiso correspóndelle o quinto lugar na candidatura. pois a cabeza será para CDC, o segundo posto para o PNV e o terceiro para Unió. A cuarta praza recae en CC.

Comentarios