Compromiso recoñece os “malos resultados” pero di que “está para quedarse”

A formación galeguista celebrou unha xuntanza do seu Consello Político na que puxo a mirada nas municipais e reclamou “un estado multinacional” e un “referendo sobre a monarquía”.

Compromiso no mercado de Padron
photo_camera Compromiso no mercado de Padron

O Consello Político Nacional de Compromiso por Galicia (CxG) celebrou o sábado unha sesión ordinaria para avaliar, entre outros temas, a situación política logo das recentes eleccións europeas e o escenario aberto trala abdicación de Juan Carlos I.

A respecto da primeira cuestión, e logo duns resultados que non chegaron nin aos 10.000 votos- o Secretario Xeral da organización galeguista, Xoán Bascuas, deu lectura a un informe de xestión no que cualificaba os resultados “como malos en base á expectativa que tiña a propia organización”. Neste sentido, o dirixente tamén insistiu en que “agora toca corrixir os erros, avaliar a nova situación política e comezar a traballar nas eleccións municipais, en rede, xa que Compromiso está para quedarse e facer política tamén dende os concellos”.

A respecto do escenario aberto trala abdicación de Juan Carlos I, o máximo órgano de CxG aprobou unha resolución a favor dun referendo sobre a Xefatura do Estado e dunha reforma constitucional que recoñeza a Galicia como nación. Neste sentido, a forma galeguista entende que “é o momento de que a cidadanía reclame de vez o seu dereito a decidir, que pasa en primeira instancia pola convocatoria dun referendo sobre a xefatura do Estado e, en segundo lugar, por unha reforma constitucional que serva para modernizar as institucións políticas do Estado e que recoñeza o seu carácter plurinacional así como o dereito a decidir das nacións que a conforman”.

Comentarios