Miguel Anxo Abraira dáse de baixa de Anova polo pacto con IU

O membro da Coordinadora Nacional afirma nunha carta que o federalismo español "non é respectuoso" coa soberanía de Galiza e considera que a actual dirección de Anova está a "darse tempo (...) para crear un aparato que controle a formación ao tempo que forza a marcha dos nacionalistas''.

abraira

Miguel Anxo Abraira, electo na I Asemblea Nacional de Anova como membro da súa Coordenadora, dase de baixa como militante da formación nacionalista. Unha decisión que argumenta nunha carta na que explica que a decisión de Anova de ir na candidatura de Izquierda Plural as eleccións europeas “entra en contradición coa miña ideoloxía”.


Unha contradición, explica, que se dá nun duplo plano. En primeiro lugar no feito de que ir na listaxe de IU “dilúe para min a primeira necesidade de traballo político como persoa comprometida co meu pobo”, un compromiso que non é outro que “o traballo a prol de Galiza como nación soberana”.

“O discurso de antepoñer a esquerda a causa nacional por mor da situación económica que se vive non é máis que unha escusa para negarse a traballar polos dereitos que Galiza ten como pobo”

Abraira entende que se ben a soberanía de Galiza non ten unha lectura única (nacionalismo, independentismo), é un dereito do pobo galego que non debe depender de ser concedido desde instancias españolas. “O federalismo de IU non é respectuoso co dereito de independencia das nacións que conforman o Estado”, apunta. Como exemplo pon as decisións de IU na conferencia que realizou para tratar o proceso catalán.

Esquerda versus nación?

Mais as discrepancias deste activista en eidos como o ambientalista, toca outras cuestións. “O discurso de antepoñer a esquerda á causa nacional por mor da situación económica que se vive non é máis que unha escusa para negarse a traballar polos dereitos que Galiza ten como pobo”. Nesta liña, afirma que renunciar aos dereitos nacionais de Galiza é contribuír a empeorar as condicións da clase traballadora galega.

A negativa da Coordinadora Nacional de  convocar unha Asemblea Extraordinaria “ten como único fin darse tempo para crear un aparato que controle a organización ao mesmo tempo que se forza a marcha dos sectores nacionalistas”.

Na carta, tamén sinala como punto de discordancia coa decisión de Anova que ir con IU implica “formar parte desde a oposición do aparato político-administrativo que é a Unión Europea”, axudando mesmo a “consagrar a súa existencia”.

De remate, Miguel Anxo Abraira sinala que “o clima de crispación interno” que se vive en Anova “fai imposíbel a convivencia”. Considera que a negativa da Coordinadora Nacional de non convocar unha Asemblea Extraordinaria (como solicitaban, entre outros, o sector crítico) “ten como único fin darse tempo para crear un aparato que controle a organización ao mesmo tempo que se forza a marcha dos sectores nacionalistas de Anova”.

Comentarios