O Xulgado de Corcubión ordenou sobreseír as dilixencias abertas ao alcalde e tenente-alcalde de Vimianzo, Manuel Antelo e Fernando Mancebo, por mor da denuncia presentada polos e polas concelleiras promotoras da fanada moción de censura de marzo de 2013. Antelo e Mancebo estaban imputados por posíbeis delitos de prevaricación e vulneración de dereitos fundamentais, dos que agora fican desimputados.
No auto o xuíz sinala que non consta “debidamente xustificada a existencia dunha actuación planificada” por parte do alcalde para “adiar deliberadamente e non tramitar a moción de censura”. A isto, engade que “non se entende xustificada a existencia dunha confabulación para frustrar a tramitación da moción”.
Para Manuel Antelo fica demostrado que “esta denuncia unicamente supuxo máis tensión, confrontación política e desasosego social xunto cunha mala imaxe para o concello de Vimianzo” di o rexedor nacionalista, quen considera responsábeis de “danar a imaxe do concello con falsidade a aqueles, que trizoando a vontade popular, pretenderon derrocar o Alcalde facendo uso do transfuguismo”.