O demitido e imputado Currás seguirá como edil no novo equipo de Goberno de Compostela

O aínda alcalde non só seguirá como concelleiro, senón que terá responsabilidades de Goberno xunto ao novo equipo de Agustín Hernández, que incopora vellas figuras do PP como María Jesús Sainz, sendo @s non elect@s a maioría.

Ángel Currás
photo_camera Ángel Currás

O até de agora alcalde de Santiago, Ángel Currás, manterase como edil no novo Goberno de Compostela malia estar imputado e ser responsábel de boa parte da desfeita municipal santiaguesa. O novo equipo de goberno contará con maioría de concelleir@s non elect@s e no que estarán nomes como Marta González, deputada popular no Congreso, e María Jesús Sainz, senadora.

Así o anunciou este sábado o futuro rexedor compostelano, o conselleiro Agustín Hernández, que presentou o equipo de Goberno co que contará para gobernar a capital galega. O grupo estará formado por seis persoas da candidatura popular ás últimas eleccións locais e sete edís non electos.
En concreto, segundo detallou en rolda de prensa, figurarán da candidatura popular os actuais integrantes do equipo de Goberno -os concelleiros Reyes Leis, Luis Meijide, José Manuel Rosende e o agora alcalde, Anxo Currás- así como el mesmo e a deputada Marta González.

Sainz foi conselleira con Fraga e regresa á primeira liña após uns anos de escasa actividade pública no Senado

Como edís non electos incorporaranse María Jesús Sainz, senadora do PP e exconselleira de Educación; Alejandro Sánchez Brunete, concelleiro nos anos 90, María José Corral López, colaboradora do gabinete de Agustín Hernández; Teresa Guitiérrez, directora do IGVS, Manuel Martínez Varela, secretario do Concello de Boiro, e María Antón, xerente do Consorcio de Santiago.

Comentarios