Distintas marchas esixen por toda Galiza un referendo sobre a monarquía

Un milleiro de persoas acudiron á convocatoria contra a coroa española en Compostela, onde estiveron presentes dirixentes do BNG e de AGE. En Vigo e na Coruña a asistencia foi menor a respecto da que houbera a pasada segunda feira. Houbo mobilizacións deste tipo por todo o Estado.

repu-crop
photo_camera Manifestación polo referendo en Santiago.

A petición de máis democracia, dun referendo sobre a monarquía ou sobre o dereito a decidir foron algunhas das demandas que con máis forza soaron este sábado pola tarde en distintas cidades de Galiza, nas diversas mobilizacións convocadas contra o relevo automático na xefatura de Estado e contra a Casa Real española, cuxa continuidade sen pasar polas urnas foi considerada como “antidemocrática”.

Xosé Manuel Beiras falou dun "proceso constituínte para alcanzar a República Galega", concepto este último que tamén usou Xavier Vence

En Compostela, perto dun milleiro de persoas tomaron parte na manifestación que saíu da Alameda e na que foron visíbeis bandeiras da II República española pero tamén estreleiras galegas. Alí estiveron dirixentes do BNG -que pola mañá participaran nun acto soberanista que rodeou o Parlamento- como o seu voceiro nacional, Xavier Vence, que pediu “darlle voz á cidadanía a respeto dun réxime en fase terminal”. Falou o líder do Bloque da República galega, concepto que tamén utilizou o portavoz parlamentar de AGE, Xosé Manuel Beiras, de Anova, que esixiu a apertura dun “proceso constituínte” que poida desembocar na mesma. Pola súa parte, Xavier Ron, deputado de AGE por Esquerda Unida, teimou na idea dun “referéndum para optar entre monarquía e república”.

As mobilizacións celebráronse por toda Galiza, por exemplo tamén en Vigo ou A Coruña, onde foron seguidas por unhas 500 persoas en ambos casos, menos que a pasada segunda feira. Así mesmo, por todo o Estado español decorreron actos semellantes.

Comentarios