Os recortes de Feijóo en I+D+i levaron a Galiza a perder 1.240 investigador@s en dous anos

Os continuos recortes están a levar a un ''retroceso sen precedentes'' o I+D+i no noso país. AGE lembra que o investimento neste sector caeu con Feijóo a un 0,87 % do PIB. No Estado é do 1,3 e na UE do 2,2 por cento.

laboratorio

O I+D+i (Investigación, Desenvolvemento e innovación) en Galiza está “nun retroceso sen precedentes en todos os sectores relacionados co progreso científico e tecnolóxico”. O deputado de Alternativa Galega de Esquerdas Ramón Vázquez denuncia que desde o 2009 (ano de desembarco de Feijóo na Xunta) o investimento en I+D+i pasou de ser un 1,01 % do Produto Interior Bruto a ser só o 0,87 por cento.

Un recorte “brutal”, máis aínda de o comparar co investimento medio do Estado español (1,3% do PIB) ou da Unión Europea (2,2 por cento). Galiza está no posto 13 entre os 17 territorios do Estado español no que atinxe a gasto en euros por habitantes en investigación e desenvolvemento. No noso país é de 189 euros por persoa. A metade que en Catalunya, tres veces menos que Madrid e a anos luz dos 637 euros por habitante de Euskadi.

Perda constante

AGE afirma que entre 2010 e 2012 perdéronse 1.240 investigadores e investigadoras en Galiza. Unha situación que deixa pegada, sinalan, principalmente no eido universitario: 983 investigador@smenos desde 2010.

Os dados continúan a resaltar o abandono deste importante sector: Ramón Vázquez lembra que se pasou de 139 grupos e proxectos financiados para investigación a través de concorrencia competitiva en 2012 (con 20,6 millóns de euros) aos 13 millóns da presente convocatoria.

Vázquez afirma que todo isto deriva en “dramáticas consecuencias xa no sector económico do noso país”, poñendo de exemplo a perda “de case 5.821 empresas de tecnoloxía alta e media-alta entre o 2008 e 2012 cunha perda de 69.134 empregos neste sector e 832 empresas con actividades innovadoras”.

Empresas e emprego, directamente afectados

Os gastos totais das empresas en innovación diminuíu un 40 por cento e Galiza pasou de ter 185 solicitudes de novas patentes no 2012 a ter 164 no 2013, ano no que se solicitaron 426 creacións de novas marcas menos que no ano 2011. 

Comentarios