Enquisas apuntan a unha ampla maioría no Estado a prol da consulta sobre a monarquía

Un inquérito publicado polo diario El País -de clara postura borbónica- sinala que o 62 por cento da cidadanía quere poder decidir sobre o modelo de Estado apos a abdicación de Juan Carlos I.

El-Rei
photo_camera El-Rei

Para alén das diversas manifestacións que dende hai case unha semana veñen reproducíndose por todo o Estado español -con certa forza en Galiza, onde o soberanismo liderou algunhas delas- en protesta polo relevo automático e sen consulta popular á fronte da xefatura do estado así como en contra da monarquía española e polo dereito a decidir, as diversas enquisas tamén sinalan que é maioritaria a opinión favorábel a poder elixir entre monarquía e república.

Os inquéritos publicados en medios afíns á coroa non poden ocultar a enorme demanda existente sobre un referendo arredor desta cuestión. De feito, por razóns ideolóxicas moitos destes medios poñen o foco en destacar a aceptación que tería o novo monarca Felipe VI e deixan nun segundo plano a esixencia cidadá de consulta, pero esa aí está, moi estendida.

Case tres de cada catro votantes do PSOE quere unha consulta que o aparato do partido nega

Por exemplo, na enquisa que publica este domingo o diario El País sinálase que o 62 por cento dos habitantes do Estado queren ser consultados sobre a monarquía, por só un 34 por cento en contra, case o dobre a prol d@s primeiros. Estes resultados son especialmente significativos entre @s votantes do PSOE, forza chave para o modelo constitucional do 78 e a conservación do poder borbónico. Se a cúpula do partido xa pactou de novo coa casa real, o seu solo electoral anda noutra posición, xa que un amplo 68 por cento quere unha consulta que Rubalcaba nega.

Anteriores enquisas xa sinalaban a existencia dunha maioría a prol da consulta. En La Voz de Galicia situábana nun 50 por cento d@s galegos, por apenas un 35 en contra.

Comentarios