Feijóo abre a porta a cambios profundos no seu goberno por mor das municipais

O presidente da Xunta afirma que “hai conselleiros que poden ser bos candidatos nas cidades”, o que suxire unha fonda crise no seu gabinete, no que algúns, como Jesús Vázquez, xa amosaron o seu interese por presentarse nas locais. O PP buscaría así reaxir após o mal resultado nas europeas e os casos de corrupción.

Consello da Xunta [Imaxe: Xunta.es]
photo_camera Consello da Xunta [Imaxe: Xunta.es]

O paso do conselleiro de Infraestruturas, Agustín Hernández, á alcaldía de Compostela non ten por que ser o único cambio no goberno de Alberto Núñez Feijóo, tal e como suxeriu o propio presidente da Xunta nunha entrevista que publica o Faro de Vigo e na que abre a porta a máis trasvases desde o seu executivo ás candidaturas locais do PP, o que obrigaría a unha fonda crise de goberno, que no partido consideran importante realizar logo do mal resultado obtido nas europeas.

Así, Feijóo asegura que “hai persoas no meu goberno que son bos candidatos para as alcaldías, aínda que poñer un candidato nunha cidade require falar con moita xente”. Nese sentido, coñecido é o interese do titular de Cultura e Educación, Jesús Vázquez, por presentarse en Ourense. Tamén a conselleira de Traballo, Beatriz Mato, sería destinada á Coruña en caso de que o sumario da Pikachu supuxese un impacto de tamaño alcance como para obrigar a un cambio no PP da cidade.

"No caso de Julio Flores haberá que esperar a coñecer o sumario completo, pero non me tremerá a man", asegura o líder do PPdeG

Precisamente, Feijóo falou do imputado tenente de alcalde coruñés, Julio Flores, que non demitiu. “Non oculto que este e outros casos témolos que seguir moi enriba e tomar decisións con gran frialdade. Esperaremos a coñecer os sumarios completos, e podo asegurar que non me tremerá a man”, dixo.

Comentarios