Feijóo apoia a Rajoy, que quere que sexa alcalde quen saque o 40 por cento dos votos

O presidente da Xunta defende que “a xente saiba con claridade que elixe ao alcalde” na mesma semana na que tomou posesión da súa man en Compostela quen era o último da candidatura. Namentras o goberno central avanza no que a oposición cualifica de “pucheirazo” para as locais.

Bastante menos da metade dos votos darían automaticamente a alcaldía. Nesa liña entende o PP que debe camiñar a reforma electoral que prepara para as eleccións municipais, nas que xa ten perfilada a idea de que a vitoria sexa outorgada á lista que consiga o 40 por cento dos votos (sempre que teña unha distancia de máis de cinco puntos respecto á seguinte) rematando así coa posibilidade de que as maiorías ideolóxicas -as alianzas programáticas de esquerda de varias candidaturas, por exemplo- obteñan a vitoria. Por poñer unha hipótese cos referentes actuais, se o PP obtén nunha localidade o 40 por cento faríase co concello a pesar de que BNG e AGE sumasen o 43% dos sufraxios e o PSOE o 5%. Neste caso, tal e como quere impoñer o executivo central, serían @s populares @s que gobernasen a pesar de non ter maioría para levar a cabo o seu programa. Na oposición fálase de “pucheirazo”.

Feijóo defendeu a elección directa de alcalde en Pontevedra, cidade que simboliza a forza das maiorías electorais que o PP quere evitar

Pero a intención de Rajoy -coa que intenta combater a súa caída electoral, segundo a esquerda de forma “antidemocrática”- xa ten apoios. Como o do presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, que -malia que sen facer referencia a ese método concreto- defendeu a elección directa de rexedor sen ter en conta os resultados totais nun acto do seu partido en Pontevedra, cidade moi simbólica para o actual PP pero na que a alcaldía pertence ao BNG e que puxo de exemplo do tipo de gobernos de maioría que quere evitar.

"Claridade"

“Estanse invalidando os votos con acordos a posteriori nos despachos”, dixo Feijóo, que xa propuxo unha fórmula semellante á que agora manexa Rajoy hai anos, para frear as derrotas que sufría a súa formación a mans dos bipartitos. Mesmo foi máis alá. “Así defenderemos unha política directa, na que a xente saiba con clariade quen vai ser o alcalde”, afirmou na mesma semana na que tomou posesión como rexedor de Santiago, co seu apoio, Agustín Hernández, que era o último da lista do PP nas locais de 2011 e en cuxo equipo de goberno hai até sete persoas que non se presentaron aos comicios.

Comentarios