A forza do aparato converte a Pedro Sánchez no próximo secretario xeral do PSOE

Sánchez tamén gañou en Galiza, pero na provincia de Ourense o 'pachismo' deulle o triunfo a Madina

sanches-crop
photo_camera Pedro Sánchez

Pedro Sánchez será o novo líder do PSOE logo de vencer con claridade nas primarias consultivas que celebrou o seu partido en todo o Estado. Deste xeito, o madrileño substituirá a Alfredo Pérez Rubalcaba no Congreso que se celebrará a final de mes, onde volverá constatar o apoio do aparato socialista que cimentou o seu triunfo. É Sánchez a aposta más convencional do PSOE, a que representa a continuidade respecto á súa traxectoria dos últimos trinta anos, o que descarta o xiro á esquerda ou cara posicións lixeiramente máis críticas co modelo do 78 que representaban -formalmente- os seus rivais. Polo tanto, o Partido Socialista estreará secretario xeral, pero manterá o seu proxecto político a pesar da crise aguda pola que pasa.

Pedro Sánchez representa a continuidade respecto ás políticas do seu partido nos últimos 30 anos e a fidelidade ao decadente modelo do 78

Decidiu o aparato, encabezado pola andaluza Susana Díaz, nun efecto que tivo repercusión na militancia, que lle dou de forma masiva a súa confianza a Sánchez, persoa tamén moi vencellada ao galego José Blanco. O candidato madrileño obtivo, co 80% escrutado, un 48,5 dos votos, por un decepcionante 36,4 do seu principal adversario, Eduardo Madina. O terceiro en discordia, José Antonio Pérez Tapias, acadou un 15,2 por cento.

Galiza

En Galiza a vitoria de Sánchez foi clara en tres provincias. En Lugo -feudo do líder do PSdeG, Gómez Besteiro, que o apoiaba- levou o 62% polo 27% de Madina (ao 70% escrutado); en Pontevedra un 49% por 38% e na Coruña foi o resultado máis axustado, un 45% por un 39%. En Ourense, malia non gañar na cidade, o pachismo -seguidores de Pachi Vázquez- demostrou a súa forza ao conseguir a vitoria de Madina por un 53%, 17 puntos por riba de Sánchez. Tapias quedou a nivel nacional cun 12,3, polo 48,1 do vencedor e o 39,4 do vasco.

Un de cada tres militantes do PSOE non acudiu ás urnas, o que abre dúbidas sobre a resposta a unhas primarias abertas

Destacábel foi tamén, polo que poida ter de símbolo do momento difícil polo que pasan @s socialistas, o discreto dato de participación, dun 65 por cento. Este resultado mesmo pode afectar á convocatoria para elixir candidato á Moncloa, que están prevista de modo aberto -ou sexa, con posibilidade de que voten simpatizantes, non só afiliad@s- pero se un terzo da propia militancia non acudiu ás urnas nestas primarias, é posíbel que sexa moi escasa a cidadanía que queira participar nese proceso, o que emitiría unha imaxe pésima dun PSOE, que, tanto no Estado como en Galiza, segue onde estaba, en modo gatopardiano.

Comentarios