Fracasa en Compostela a convocatoria a prol da monarquía española

Nin bandeiras, nin faixas nin case asistentes. Nula repercusión na capital de Galiza dunha chamada feita a través das redes sociais para mostrar na rúa apoio á Coroa española.

@diarioliberdade
photo_camera @diarioliberdade

A Compostela real, de realidade, semella non ser nada Real, de realeza. Polo menos do que se deduce do fracaso da convocatoria feita a través das redes sociais para se concentrar na Praza do Toural en defensa da monaquía española. O acto estaba previsto para as oito da tarde desta sexta feira, e pedían levar bandeiras españolas roji-gualdas. Mais a esa hora nesa praza da zona vella non se vía nin unha enseña española agás as que portaban os axentes da dotación policial nos seus uniformes.

@s que si apareceron foron independentistas e activistas de diferentes colectivos sociais para amosar a súa oposición e rexeitamento á concentración monárquica. Mais non tiveron a quen rexeitar porque a convocatoria tivo unha nula resposta cidadá: cinco persoas que nin bandeira despregaron. Por máis de medio cento de activistas ‘anti-monárquicos’.

Partidarios da monarquía española convocaron a través das redes sociais a se concentrar nas cidades do Estado español en defensa “da Constitución e da monarquía parlamentaria”. Santiago de Compostela (Praza do Toural) era unha das cidades mencionadas expresamente nese chamamento, xunto con Madrid, Barcelona, Sevilla e Valencia. Nesas cidades a asistencia a estas concentracións foi moi baixa (apenas unhas ducias de monárquicos ateigados, iso si, de bandeiras roji-gualdas), mais foi na capital de Galiza onde o fracaso foi maior. 

Comentarios