Rafa Cuíña

"O goberno do PP quere ter unha Galiza de dúas velocidades"

Rafa Cuíña é alcalde de Lalín e colaborador deste dixital desde os seus inicios. Debrúzase esta cuarta feira sobre a xanela do #VenhanMais5 para partillar as súas impresións coa Comunidade Sermos.

Rafa Cuíña
photo_camera Rafa Cuíña

-Como ves o estado actual da política galega?

-Estamos nun período en que se nota o inicio dunha certa recuperación, aínda que probablemente estamos a perder oportunidades para que se consolide e chegue aos sectores de poboación nos que a crise bateu con máis forza. Preocúpanme cuestións como o "catastrazo", que tanto vai afectar ao noso rural, ou o futuro do sector lácteo. Neste senso, dá a impresión de que o goberno do PP quere ter unha Galicia de dúas velocidades: unha, a que lle interesa a este partido; e outra, a que sofre e segue a padecer a maioría social.

Debo parabenizar o traballo que se está a facer dende esta publicación de referencia

-Que evolución agardas a cinco anos vista?

-É unha pregunta cunha resposta complexa, sobre todo porque non se ve unha folla de ruta clara. Seguen a producirse situacións preocupantes en sectores como o financeiro -co Banco Popular e Pastor como claro exemplo- e tamén no eido laboral. A mellora nos datos do paro susténtase na precariedade e a creación de emprego non ofrece a calidade suficiente para que as galegas e galegos se poidan plantexar proxectos de vida estables debido á inestabilidade do mercado de traballo. 

-Que esperas de Sermos nos próximos 5 anos e en que cres que podemos ou debemos mellorar?

-Debo parabenizar o traballo que se está a facer dende esta publicación de referencia, que representa sensibilidades nacionalistas coas que eu me sinto tan identificado e que deberían ser maioritarias no conxunto do país nun prazo de tempo razoable. Neste contexto sinto unha sá envexa de Euskadi e Cataluña, que son quen de sacar réditos para os seus territorios, mentres que os representantes galegos en Madrid -tanto deputados como senadores- dan as costas aos intereses dos galegos que lles votaron.

Comentarios