O goberno sentencia a Galiza a ter un AVE inferior ao existente no Estado

Eldiario.es desvela que o goberno español prevé para o noso territorio, e outros do norte, tramos de vía única (e non de dupla) e velocidades de 250 Km/h fronte os máis de 350 do resto da rede. Un AVE de segunda categoría.

Feijóo, Ana Pastor e dous conselleiros na inauguración dunha liña de tren.

Galiza non terá AVE. Ou non terá un AVE como o existente no resto do Estado, senón que será inferior en velocidade, prestacións e capacidade. Non será, pois, ese AVE no que o Estado español inxectou miles de millóns de euros para levar ao sur e levante do territorio, e vendida como a maior infraestrutura das últimas décadas.

Eldiario.es desvela esta sexta feira que o goberno español deixa a Galiza (así como a Asturies e Euskadi) condenados a ter un AVE de segunda categoría. Unha afirmación que parte do acceso á convocatoria de ADIF de concursos de instalación de vía, electrificación e sinalización para a conexión ferroviaria entre a Meseta e o norte. Neses documentos, e segundo fontes e empresas consultadas por 'El Diario', fica claro que unha parte substancial dos tramos ferroviarios do AVE a Galiza van ser de vía única, non dupla. Unha tesoirada orzamentaria que terá como consecuencia que o que chegue a Galiza non vaia ser AVE, senón algo moi inferior.

Así, a velocidade que terá este tren non pasará de 250 kilómetros por hora. No resto da rede supera os 350 Km/h. Unha conexión ferroviaria de 'altas prestacións' dispoñíbel en boa parte do territorio mais que en Galiza, e os territorios antes mencionados, non vai chegar.

No diario dixital que destapou esta nova sinalan que, postos en contactos con Adif, aseguráronlles que é algo “provisional” e que volverán ao proxecto inicial unha vez que volva haber diñeiro. No goberno español existe certa preocupación pola reacción que poida haber nos territorios afectados a un recorte que os deixa cun servizo de segunda categoría.

Comentarios