Para a imprensa hexemónica, o PP logra o "aprobado" embora perder 15 pontos

O espía na campaña non descansa no post-partido. Esculcada a imprensa, a conclusión é que a imprensa galega prefere ollar antes a España que a Galiza.

quiosque

Non lles queda outra que recoñecer, nesta ocasión buscar unha saída que agochase a inmensa crise de PP e PSOE -os partidos cos que comparten réxime- resultaría aínda máis descarado que o que fan todos os días. Así que a prensa sistémica recoñece o que sucedeu nas europeas. Mais, claro, no xeral, cando chega o momento de falar de Galiza, xorden os tics, as obsesións, o inimigo.

Na maioría de xornais galegos houbo que pasar páxinas e páxinas antes de chegar á información referida ás nosas propias urnas. Até Vox ou UPyD tiñan preferencia e aparecían antes. Moi sintomático. Logo, cando na páxina 6 falaban do país ao que se dirixen, seica o importante era unha especie de clasificación fría, sen ningún tipo de contexto, como saída da nada.

A columna de análise de La Voz referida ás eleccións en Galiza preguntábase se aquí tamén tocaba dicir “adeus ao bipartidismo”. Pero, cando houbo aquí tal cousa? Nos últimos 20 anos, este país nunca foi bipartidista grazas a un fenómeno chamado nacionalismo. Prefiren obvialo.

E así chegan as alusións ao BNG. Mesmo contraditorias. Nun artigo sinalan que “salvou os mobles malia a alianza con Bildu”, o que traducido significa “toda a criminalización que lles fixemos non alcanzou os obxectivos desexados”. Moi preto, outro texto lévalle a contraria ao do mesmo periódico e di que “o BNG levou o batacazo do século”. Iso por perder pouco máis dun punto. Curiosamente, que o PP obtivese o seu peor resultado en 25 anos, que caese 15 puntos, parécelles “un aprobado”. Quen paga, manda.  
 

Comentarios