Imputada a xunta do goberno local de Ourense en 2008 pola reforma dunha céntrica rúa

O Xulgado de Instrución nº2 de Ourense ditou un auto en que cita @s concelleir@s do bipartito que gobernaba na cidade en 2008 para explicaren por que esa obra non se sacou a concurso.

Entre o 26 e 28 deste mes os e as concelleiras que facían parte da Xunta de goberno local do Concello de Ourense en 2008 terán de declarar como imputad@s no Xulgado nº2 da cidade das Burgas. O motivo da comparecencia radica no proceso de adxudicación dunha obra de actuación nunha céntrica rúa da cidade naquel entón.

Os membros desa xunta de goberno local terán que explicar ante o xuíz por que se seguiu o procedemento negociado e non se sacou a obra a concurso. Esta actuación foi adxudicada por algo menos de 60.000 euros. Naquela altura gobernaba o bipartito entre socialistas e nacionalistas. Entre as persoas imputadas por un posíbel delito de prevaricación están Francisco Rodríguez (ex-rexedor) e Agustín Fernández (actual alcalde socialista). Tamén están Marga Marín e Áurea Soto (concelleiras do PSOE), ben como o ex-concelleiro do BNG Andrés García. A denuncia por esta posíbel irregularidade foi presentada por Democracia Ourensana. 

Comentarios