Isca reaxe contra a ''intoxicación'' policial que os sitúa nos disturbios de Madrid do 22M

A organización enmarca as declaracións do director xeral da Policía española na estratexia da “criminalización do independentismo”. Lembra que a maioría do soberanismo galego non participou nas mobilizacións daquel día.

Mesa Nacional de Isca
photo_camera Mesa Nacional de Isca

O director da Policía española, Ignacio Cosidó, citou unha listaxe de colectivos aos que relaciona cos disturbios acontecidos en Madrid o pasado 22 de marzo, finalizadas as Marchas da Dignidade. Entre elas, Cosidó falou de Isca, organización xuvenil independentista galega. Para Isca, esta acusación é máis un paso na campaña de “criminalización” e “intoxicación” contra aquelas entidades que loitan pola independencia.

“Primeiro axitou a pantasma de supostas organizacións terroristas e agora criminaliza organizacións xuvenís independentistas”, indica Isca nun comunicado. Todo iso, di, co obxectivo de “atemorizar”.

“Non participamos nesa mobilización”

Isca replica a Cosidó que “é imposíbel” que tivesen parte nos incidentes e disturbios polo simples feito de que “non participamos desa mobilización, ao igual que a maioría das organizacións da esquerda soberanista galega”.

Para Isca, é “absurdo” os intentos da Policía de “situar na Galiza na orixe dos incidentes en Madrid” cando “a nosa nación é a que menos presencia tivo” na mobilización do 22M, afirman.

Esta organización mostra a súa solidariedade para con todas as persoas e colectivos que tanto no 22M como en días posteriores “foron albo a represión policial” e da “campaña de criminalización”. 

Comentarios