Pontevedra

Lores: "Este primeiro ano sentamos as bases do que pode ser un dos meus mellores mandatos como alcalde"

O rexedor destaca do primeiro ano de mandato, entre diversas cuestións, as tarefas á hora de reorganizar e desatrancar a administración, a priorización de proxectos de gran interese como o parque da Parda ou a Santiña, as negociacións con Costas ou a aprobación dos actuais orzamentos.
Encontro cos medios de comunicación do alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo F. Lores, e a concelleira Eva Vilaverde, esta cuarta feira. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Encontro cos medios de comunicación do alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo F. Lores, e a concelleira Eva Vilaverde, esta cuarta feira. (Foto: Nós Diario)

O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, mantivo esta cuarta feira un almorzo informativo con xornalistas da cidade co obxectivo de ofrecer unha valoración do primeiro ano do actual mandato. O rexedor iniciou a súa intervención lembrando as palabras, literais, que ofreceu nas primeiras declaracións tras os resultados das últimas eleccións municipais: "Estes resultados mándanme un recado: os pontevedreses queren que o faga mellor, e eu tomo nota e vou tentar facelo cada vez mellor".

"Estes meses", dixo, "foron unha demostración de coherencia e compromiso que caracterizou sempre o meu Goberno", pois en política "o importante é aprender dos erros, co obxectivo de corrixilos e, no noso caso, mellorar a vida dos pontevedreses", explicou, para logo sinalar a súa "insatisfacción" co funcionamento do Goberno anterior, ao existir "unha serie de disfuncións" que tiñan a ver coa "descoordinación entre servizos" e unha "falta de seguimento" na execución dos proxectos, o que facía que se "eternizasen".

"Creo que o mellor modo de explicalo e coa metáfora do acordeón, que, como sabedes, cando se estira moito ou cando se aperta moito non produce ningún son", sintetizou. Esa "dispersión" ou "falta de priorización" trouxo consigo, asegurou, unha primeira decisión no mandato por parte do alcalde, como foi a de porse á fronte "e abrir un tempo novo". "Como sabedes, asumín a portavocía do Goberno por primeira vez en 24 anos, e tamén mudamos a forma de funcionar nas Xuntas de Goberno como un organismo de control e seguimento eficaz dos asuntos de impulso", engadiu.

Esta "posta en orde" motivou, a ollos de Lores, unha administración "máis áxil e eficiente" na prestación de servizos á cidadanía, e que "permitiu priorizar tarefas coma o mantemento xeral da cidade, por exemplo". "Por outra parte, outra das decisións que tomei foi a de desatrancar distintos proxectos comprometidos e vitais para a cidade que por distintos motivos non viron a luz, e que neste primeiro ano conseguimos licitalos e adxudicalos. Aí temos a Santiña, como exemplo evidente; ou o parque da Parda, que, como sabedes, sempre foi unha das miñas teimas persoais. Se queredes outro exemplo, temos tamén o pavillón de Monte Porreiro, que cedo entrará en licitación", indicou Lores.

Dos aspectos e elementos que configuraron este primeiro ano de mandato, o alcalde subliñou os asuntos relacionados con Costas. "Planteime en Madrid para negociar coa vicepresidenta do Goberno estatal proxectos como o vial de Mollavao —finalmente desatrancado e que abre as portas á reforma integral de Rosalía de Castro—, a continuación do paseo cara Marín, as xunqueiras, a enseada de Ulló…", dixo.

"Ao mesmo tempo que faciamos esta reordenación e priorización, seguimos traballando no día a día, na xestión ordinaria. Ese traballo, polo que teño que felicitar aos traballadores municipais e ao meu equipo, derivou nunhas festas de verán impresionantes, un Nadal inesquecíbel, un Entroido cheo de vida… en definitiva, que as rúas de Pontevedra estiveron de bote en bote", explicou o alcalde, que tamén destacou as actividades congresuais, feirais e deportivas, como a Gran Final das Series Mundiais, que foi celebrada neste primeiro ano, ou están por chegar nun curto prazo de tempo.

Foron actividades ue encheron Pontevedra de visitantes e de actividade económica e social, algo que axudou a manter a referencialidade internacional de Pontevedra. "Estamos a facer un esforzo real e bestial, á hora de atraer eventos que posicionen a Pontevedra no mundo. Aquí, se mo permitides, no apartado cultural, quero facer fincapé na chegada dos Premios Feroz á Boa Vila. Sabedes que vai ser unha cita moi especial, unha cita de vangarda, fresca e na que todo o Estado e a industria audiovisual van estar mirando cara nós os vindeiros dous anos", comentou, sobre a gala que se realizará no ano 2025.

Por outra parte, Lores lembrou que este "foi un ano complicado". "Por primeira vez, en 25 anos, tiven que recorrer a unha cuestión de confianza para aprobar uns orzamentos que son vitais para a cidade xa que tiñamos os anteriores prorrogados. Houbo un bloqueo claro desde a oposición a estes orzamentos, mais preocupada polos seus intereses que pola cidadanía de Pontevedra", subliñou.

Estas circunstancia sobrecargou de traballo todos os servizos económicos e trouxo unhas consecuencias xa coñecidas: atraso nos proxectos, risco de perda de fondos europeos e dano aos provedores e as empresas do Concello. "A pesar de todo isto, e retomando o que vos comentaba do feito e do superado, quero dicir que estou especialmente contento co traballo realizado. Creo que foi un ano intenso e complexo, pero fructífero, xa que nunca vivín un período no que se mellorase tanto en tan pouco tempo. De verdade que creo que este ano sentou as bases do que pode ser un dos meus mellores mandatos como alcalde", concluíu.

Comentarios