En Marea traslada a Felipe VI a súa disposición a apoiar un goberno alternativo ao PP

Alexandra Fernández destacou o xesto de que o monarca español os reciba como grupo propio e anunciou: “Imos tender a man ao PSOE”. 

rey_audiencia_en_marea_20160120_01

Alexandra Fernández expuxo a Felipe VI a necesidade de “abrir o debate sobre o modelo de estado” e trasladoulle que En Marea "quere participar do cambio". Fíxoo durante a recepción do monarca español á representante de En Marea no marco das conversas cos partidos representados nas Cortes para designar presidente do goberno.

Fernández agradeceu o xesto de Felipe VI de recibir En Marea, recoñecéndolles como agrupación, o que contrasta, dixo, cos que tentan “cortarnos a voz”, en referencia aos impedimentos a ter grupo parlamentar. Dixo que o monarca español estivo “receptivo”

Na comparecencia perante os medios posterior á xuntanza, Fernández afirmou que “imos tender a man ao PSOE”, se este se compromete "cun goberno de esquerdas". Unha economía “ao servizo da cidadanía”, a blindaxe do estado de benestar ou a loita contra a corrupción deberían ser cuestións a ter en conta para quen aspire a ter o apoio de En Marea.

Nun principio estaba previsto que Alexandra Fernández acudise á recepción acompañada de Gómez Reino (deputado de En Marea e membro de Podemos), mais finalmente asistiu en solitario, atribuíndo a ausencia do seu compañeiro a problemas de axenda. 

Comentarios