Reunidas na Estrada, case 40 iniciativas municipalistas mantiveron un encontro na Estrada para avanzar na confluencia para as próximas eleccións ao Parlamento de Galiza. O proceso de elección da candidatura foi un dos puntos de debate na xuntanza deste sábado. Así, analizouse se se elixirán mediante primarias abertas os candidatos e candidatas que formarían parte do proxecto.
Este debate ten lugar após En Marea renunciara a convocar eleccións primarias abertas no seu proceso para a conformación das listas que se presentaron ao 20D. Só Anova e Podemos –a nivel estatal- fixeran público que realizaran primarias no seo destas dúas formacións. Finalmente, foi a mesa coordinadora integrada polas formacións da coligazón quen configurou a candidatura ás eleccións xerais coas propostas achegadas dos diferentes procesos.
Aínda que recoñeceu o suceso de En Marea, o alcalde de Ferrol advertiu da "falta de participación" do proceso
En declaracións a Europa Press, o alcalde de Ferrol, Jorge Suárez, sinalou que o proceso terá que basearse “na elaboración dun programa colectivo e primarias onde calquera persoa poida estar en pé de igualdade con independencia da adscrición a unha organización ou non”. Aínda que recoñeceu o suceso de En Marea, Suárez advertiu da “falta de participación” do proceso.
Tamén se pronunciou ao respecto o seu hómologo na Coruña, Xulio Ferreiro, quen apuntou que as primarias son “un método democrático válido” sempre e cando se coñezan as regras que permitan manter “o compañeirismo e a colaboración”. Ferreiro, quen puxo como exemplo as primarias da Marea Atlántica, afirmou que “todo é compatíbel, mais non gostaría de que se convertese nunha loita interna”.
Ademais, Europa Press recolleu as declaracións de Martiño Noriega, alcalde de Compostela, quen salientou a importancia das primarias nas candidaturas municipais, “e segue sendo unha ferramenta válida para finalizar o proceso, pero aínda fican moitos meses de traballo”.
Os rexedores das mareas sinalan que o BNG “colle” na confluencia
Os tres rexedores pronunciáronse sobre a estratexia a seguir polo Bloque diante dos comicios galegos. Os tres coincidiron en sinalar que o BNG “colle” na confluencia e apelaron a respectar o debate interno da formación nacionalista. O alcalde de Ferrol apuntou que o BNG “vive o seu propio momento histórico” e dixo alegrarse por “abriren o debate” –ao diálogo con outras iniciativas-.
Noriega: "O do BNG é un espazo a sumar"
Ferreiro puxo de manifesto que “colle todo o mundo que queira estar, que queira colaborar en pé de igualdade e con respecto a unhas regras democráticas”, mentres que Noriega reivindicou que o do BNG é un “espazo a sumar”. “Son respectuoso, creo que é un debate que debe dar o Bloque”, subliñou o alcalde de Compostela, quen insistiu en que a formación frontista ten “as portas abertas”.