Militantes do BNG protestan sobre a cuberta do buque insignia do exército español

Un pequeno grupo de nacionalistas despregaron unha pancarta co nome de Santa Liberdade enriba do Juan Carlos I para reivindicar a República Galega e tamén para denunciar a ampla presenza militarista na Coruña co gallo do Día das Forzas Armadas e en pleno debate sobre os modelos de Estado.

bngcoru-crop
photo_camera Acción sobre o Juan Carlos I.

Militantes do BNG da Coruña completaron este domingo unha acción de protesta sobre a cuberta do buque de guerra que está considerado o emblema do exército español, o Juan Carlos I, que está estes días no porto da Coruña, e onde despregaron unha faixa do nome de Santa Liberdade Galiza (en referencia ao barco secuestrado durante a loita antifranquista), como forma de protesta contra a abondosa presenza militarista na cidade estes días pero tamén “para reivindicar unha república galega”, segundo os participantes.

Nas últimas datas e coa escusa do Día das Forzas Armadas españolas, o exército tomou as rúas da Coruña, con presenza e actividade para nen@s -protestada por algúns pais- na propia praza de María Pita, na explanada de Riazor ou no porto. Este despregamento -ao igual que tiña lugar en Madrid esta mañá coa presenza da familia real- non é alleo ao momento político orixinado após a abdicación do xefe supremo do exército e a súa inminente substitución polo aínda príncipe Felipe, que provocou xa multitudinarios actos de protesta en Galiza e por todo o Estado. As forzas armadas son -segundo a Constitución- as garantes da unidade do Estado e de que se cumpran as normas que el dite, como as monárquicas. O gasto militar sufriu moitos menos recortes que os sociais desde que comezou a crise.

Comentarios