Feijóo gábase de ter unha ''das mellores sanidades de Europa'', malia pechar 1.200 camas

Seguimos ao minuto a sesión de control ao goberno galego no Pleno no Parlamento de Galiza. Máis unha vez, Feijóo empregou o recurso ao 'bipartito' para deixar sen resposta as denuncias sobre deterioro da sanidade do BNG e de 'Andalucía' para retrucar a AGE. Sobre as eleccións, o presidente anunciou ''autocrítica desde a vitoria''.

feijoo
photo_camera feijoo

Minuto a minuto da sesión de control.

Núñez Feijóo. 10:39. Bota man de dados cos que asegura que en Galiza invístese máis en sanidade que "en Andalucía". A referencia a este territorio é lugar de común cando responde a AGE, ao igual que se referir ao Bipartito cando resposta ao BNG.

Yolanda Díaz. 10:36 "Eu de pequeniña pensaba que os presidentes tiñan que ser rigorosos cos dados que dan", ironiza a viceportavoz de AGE. Denuncia que Galiza está de quinta posición no Estado en privatizacións de servizos sanitarios. "Vai deixar de facer negocio coa sanidade, señor Feijóo?". 

Núñez Feijóo. 10:33. Acusa a AGE de facer "insidias" contra as 30.000 "familias que traballan na sanidade pública deste país". Di que o PP defende a sanidade pública fronte os que a descalifican.

Yolanda Díaz (viceportavoz AGE). 10:30. Díaz dille a Feijóo que as políticas da Xunta son "un saqueo da sanidade pública". Sinala que máis do 50% do orzamento da Xunta para sanidade vai para privatizar este servizo. "Cartos para as empresas amigas do Partido Popular, gobernan para os seus amigos". A viceportavoz asegura que cos recortes decididos nos despachos "estan a incrementar mortes, dor e sofremento no noso país".

Núñez Feijóo. 10:26. O presidente da Xunta di que nas áreas sanitarias hai máis do 85% das camas "operativas" no verán. Volve se referir ao Bipartito para dicir que daquela había máis listas de espera. "Este verán todos os galegos e todos os que nos visiten comprobarán que temos un dos mellores servizos de saúde de Europa".

Francisco Jorquera. 10:23. "O accidente de Angrois non é un bo exemplo: derivaron a doentes á privada".Pide ao presidente que deixe de empregar o sinistro de Angrois nas súas respostas. E ofrece dados fornecidos polos profesionais da sanidade denunciando o estado da mesma en Galiza.

Núñez Feijóo. 10:20. Feijóo retruca cunhas frases do bipartito en 2006:No verán hai unha "redución de ingresos por enfermidades que implican hospitalización". Di que no accidente de Angrois demostrouse que "había camas" malia que a oposiciòn afirmaba que se ían pechar. Feijóo enumera diferentes territorios do Estado onde, di, pechan máis camas que en Galiza.

Francisco Jorquera (portavoz do BNG). 10:17 Pregunta polo peche de camas hospitalarias. "Bate récords", indica. Sinala a Feijóo como responsábel do deterioro da sanidade galega, que encamiña cara a privatización. 

Núñez Feijóo. 10:14. "Como non vou saber eu como están os pensionistas se meu pai o é e miña nai nen sequera cobra pensión". Feijóo di que no Bipartito os dados de pobreza eran maiores que agora.

Réplica de Méndez Romeu. 10:10 Insiste en que o 17% da poboación galega vive por baixo do limiar da pobreza, incide nas baixas pensións, nos recortes salariais...

Núñez Feijóo (presidente da Xunta) 10:05 O presidente da Xunta afirma que malia a crise Galiza converxeu en renda co resto do Estado. "As cousas foron peor no resto das comunidades autónomas". Feijóo comeza destacando que o PP "gañou claramente as eleccións en Galiza" e afirma que desde o Partido Popular  "estamos a facer autocrítica desde a vitoria".

Méndez Romeu (portavoz do PSdeG). 10:03. Romeu pregunta a Feijóo se é consciente da realidade social que hai en Galiza."As políticas de austeridade están a ser destrutivas: 90.000 familias que non chegan a final de mes, 7 despexos cada día, 110.000 persoas atendidas por Cáritas por estar en extrema necesidade, 130.000 persoas no paro que non cobran ningunha prestación,..."

Comentarios