''É necesaria unha estratexia de confontamento co Estado para salvarmos o País''

Entrevistamos Henrique Torres Fernández, membro da Coordenadora nacional en funcións da organización independentista Causa Galiza.

henrique
photo_camera CC BY-SA Sermos Galiza


A plataforma independentista Causa Galiza viu mermada hai un ano a razón de ser con que se constituira en 2007. Encetou entón un proceso constituínte dunha nova organización que se presentará en Compostela o 16 de marzo. 

Naceron “co obxectivo de aglutinar nunha única marca a todos os colectivos, persoas, organizacións políticas e sociais que defenden o dereito de autodeterminación do país". Así se presentaron o 11 de xullo de 2007. Entendo que o obxectivo non o dan por conseguido. Que escollos houbo?

Efetivamente. O obxetivo de estabelecer en 2007 unha especie de frente que incluise axentes políticos e sociais e individualidades para contestar a reforma do Estatuto de Autonomia que se urdia na altura por parte de PP, PSOE e BNG só foi posíbel no período que vai daquel ano até 2012 e em datas puntuais.

"A expectación externa sobre aquela unidade de acción de forzas sempre foi muito superior á cohesión que se vivia dentro" 

Neste breve período a expectación externa sobre aquela unidade de acción de forzas sempre foi muito superior á cohesión que se vivia dentro, unha vez que os axentes políticos independentistas priorizaron sempre a sua propria estratexia e fortalecimento partidario por cima de calquera proceso ou perspectiva común.

A evolución posterior de organizacións como FPG, MpB ou FOG, agora comprometidas em alianzas coa esquerda española e coa Posición Luis Soto, ou a posición sustentada por Nós-UP, que na altura non recoñecia a centralidade da reivindicación nacional, evidencian porque no seu dia nom se pudo avanzar máis do que se fixo. 

Finalmente, a viraxe soberanista do BNG e a irrupción de AGE na esfera eleitoral e institucional tamén tiveron os seus efectos. A evolución do BNG e doutras fraccións face posicións independentistas débese á existencia histórica dun independentismo que mantivo a súa autonomía política e organizativa a respeito do propio BNG e nunca ocultou as súas reivindicacións estratéxicas sob as coartadas 'o pobo non entende' ou 'a fraca consciencia nacional do país impede facer unha reivindicación independentista explícita'.

"A evolución do BNG e doutras fraccións face posicións independentistas débese á existencia histórica dun independentismo que mantivo a súa autonomía política e organizativa"

Algún erro cometería tamén Causa Galiza...

O principal erro foi acreditar na viabilidade dun proceso en que se avanzaría, embora fose lentamente, face a reordenación do campo independentista e a construción dun proxeto político común. Isto, coa perspetiva de hoxe, é evidente que era un imposíbel. Os intereses e as contradicións internas das distintas tribos impuxéronse sempre ás necesidades do MLNG --Movemento de Liberación Nacional Galego-- e do país. 

Un segundo erro importante, xa na fase final de Causa Galiza, foi como xestionamos a participación na xestación do chamado Novo Proxecto Común, artellado por volta da figura de Xosé Manuel Beiras. Se ben é certo que nunca acreditamos na posibilidade de que o beirismo articulase un proxecto que ultrapasase os límites e deficiéncias do nacionalismo histórico, dos que fora parte fundamental, tamén debemos admitir que, chegado certo ponto do desenvolvemento deste proceso, acreditamos, erroneamente, nun proxecto que, sen ser realmente ruturista, integrase o independentismo.

"AGE evidenciou a fraca consistencia ideolóxica de moitas persoas e organizacións que avalaran o proxecto de construir uha alternativa independentista e ruturista ampla"

Fala de dous acontecementos que se producen na fase final de Causa Galiza: o xiro do BNG após a asemblea de Amio e o Novo Proxecto Común. Que influencia tiveron na foto-finish?

A viraxe soberanista do BNG fendeu, polo menos simbolicamente, esa polaridade simple entre independentistas e nacionalistas estatutistas. Por súa parte, a irrupción do fenómeno AGE evidenciou a fraca consistencia ideolóxica de moitas persoas e organizacións que, tempo antes, avalaran o proxecto de construir uha alternativa independentista e ruturista ampla. 

Mais, que leitura fai de ambos os dous acontecementos?

A respeito da viraxe soberanista, que achamos positiva, mantemos moita prudencia á hora de valorizala: o BNG aínda non puxo sobre a mesa outra estratexia que ultrapase a práctica de tratar de reverter en presenza institucional a combinación de radicalización do seu discurso e incremento da presenza nas luitas sociais. Preocúpanos que esa viraxe apenas sexa un movemiento táctico para reagrupar o nacionalismo reformista e asimilar parte do independentismo minoritario.

"Preocúpanos que a viraxe soberanista do BNG apenas sexa un movemiento táctico para reagrupar o nacionalismo reformista e asimilar parte do independentismo minoritario"

A respeito do Novo Proxecto Común, ou beirismo, a nosa visión é ainda máis crítica: se Beiras afirmar no seu dia que o nacionalismo actuaba como encoro de contención da conflituosidade nacional, a súa evolución demontra que foi incapaz de ir alén do coñecido e non só, xa que involucionou sobre as posicións nacionalistas históricas, resucitando e lavando a cara á esquerda española na Galiza, minimizando a centralidade da reivindicación soberanista e apostando nun ruturismo circense que se apoia principalmente na presenza institucional e o mesianismo.

Que pode achegar o independentismo histórico ao cenario soberanista que vén de describir?

Historicamente, o independentismo, á marxe da súa fortaleza cuantitativa en cada momento, xoga o papel dunha referencia estratexica firme. Ese independentismo mantivo os seus obxectivos estratéxicos no medio dunha forte represión, en contextos de direitización xeral do mapa nacionalista e cando moitas organizacións trocabam a súa estratexia polo prato de lentellas do 'alargamento do teito competencial'. 

"Beiras involucionou sobre as posicións nacionalistas históricas, resucitando e lavando a cara á esquerda española na Galiza"

O cenário soberanista actual mudou profundamente nos últimos dous anos. As novas alianzas eleitorais da forza hexemónica nacionalista --fala do BNG-- con forzas independentistas e ruturistas como Bildu e CUP, embora son apresentadas como a proba do algodón da fiabilidade da viraxe independentista e apontam na dirección positiva, tampouco resolven a dúbida sobre unha mudanza que estivo moi condicionada pola implosión do bipartido autonómico e o game over da estratéxia quintanista que asumira a dirección, pola irrupción de AGE desputando a hegemonia tradicional do BNG e pola necesidade de o Bloque evitar neste contexto de crise da política representativa a homologación com forzas institucionalistas en caída libre. 

Por outra parte, está a problemática da división dos sectores independentistas organizados á marxe do BNG --Nós-UP e o independentismo histórico-- que, embora está fundamentada en feitos, é de difícil comprensión para a maioría da masa social independentista. 

"A división entre Nós-UP e o independentismo histórico é de difícil comprensión para a maioría da masa social independentista"

Concrete, faga favor. Cal é a funcionalidade da organización que se está a constituír?

Acho que son varias. O desenvolvemento dunha liña política e unha estratexia independentista libre dos lastres e condicionamentos do esquerdismo ideoloxista e sectario, das vanguardas auto-proclamadas e da dependencia institucionalista e a corrección política que afoga o nacionalismo maioritário.

Aliás, achegamos unha experiencia histórica de non-conciliación con España que é hoxe máis necesaria do que sempre. E, por último, a inexistencia de dependencias e ataduras co stablishment  institucional, facendo unha aposta explícita na auto-organización. Cómpre un proxecto que formule con claridade unha estratexia de confrontamento co Estado para salvar o país.

"O momento actual contén moitas oportunidades para o avance independentista"

Desde a creación da Coordenadora Constituínte até hoxe pasou un ano. Que fixeron neste tempo?

Foron meses e meses de debate, reunións, discusións, realización de contatos... por todo o pais. As frustracións acumuladas na tentativa de articular politicamente o independentismo e a desmotivación que provocou son esenciais para explicar a lentitude con que se desenvolveu o proceso. O caminho foi máis longo do aguardado mais, á vista de experiencias pasadas, achamos que é mellor desenvolvelo amodo. 

Que queda por facer?

A respeito do processo constituínte xa estamos na recta final, que rematará o 16 de Marzo coa asemblea constitutiva da nova organización en Compostela. A respeito do país, está case todo por facer e o momento actual contén moitas oportunidades para o avance independentista se sabemos superar dinámicas de traballo erróneas e motivar centenas de independentistas desilusionados do traballo político.

Comentarios