“Non buscamos un cambio de cromos, senón evitar situacións como a que se está a dar en Compostela”

Unha ducia de colectivos e plataformas políticas e sociais apoian unha asemblea cidadá aberta para decidir a folla de rota a seguir contra o goberno ‘’ilexítimo’’ de Agustín Hernández.

pokemon compostela
photo_camera Foto: Santiago de Corruptela

Unha ducia de colectivos, partidos, plataformas e entidades convocan á veciñanza de Compostela a asistir este 25 de xuño a unha asemblea cidadá aberta, un encontro no cal debater e analizar accións e medidas para evidenciar o rexeitamento ao goberno “ilexítimo” que supón o desembarco de Agustín Hernández como alcalde. Con el, 7 concelleiros non electos dos 13 que ten o PP.

“O que é excepcional en Compostela é a inmoralidade e a caradura do PP. Feijoo está a presentar o novo goberno municipal de Agustín Hernández como o da rexeneración” 

Esta ágora cidadá decorrerá a partir das 20:00 horas na Praza do Toural. “Queremos decidir con toda a cidadanía de Compostela medidas concretas para evitar estas situacións no futuro. Estamos seguros que entre toda a veciñanza podémonos impor a estes déspotas coa protesta na rúa e tamén co traballo conxunto” dise no manifesto lido nesta cuarta feira.

Un manifesto que conta co apoio de, entre outros, Anova, Asemblea Aberta, BNG, Candidatura do Povo, CxG, EQUO, Espazo Ecosocialista Galego, EU, NOS­UP, Podemos, Santiago de Corruptela, Stop Desafiuzamentos.

“Non buscamos un cambio de cromos”

En dito manifesto sinálase que “non buscamos un cambio de cromos, senón crear un marco que evite situacións como a que se está a dar no Concello de Compostela. Evidenciouse que a lei non servíu para que prevaleceran os intereses da cidadanía senón para manter á caste gobernante de turno nos seus postos de mando. Goberne quen gobernar, a cidadanía temos que dispor de máis instrumentos para controlar os nosos representantes públicos”.

Comentarios