Nós-UP considera que os resultados obrigan a reforzar a ''unidade de acción'' da esquerda soberanista

A Unidade Popular valora o ''golpe ao sistema bipartidista'' neste proceso electoral e incide en que a alta abstención mostra as ''dificultades'' para o ''proxecto Europea''.

Nós-Unidade Popular entende que tras o resultado destas eleccións do 25M faise “máis urxente” a aposta por “reforzar os aínda pequenos pasos dados na unidade de acción'' da esquerda soberanista”. Esta, a unidade de acción, é un camiño no que a formación reafirma a vontade de percorrer. Nós-UP, que pediu a a 'abstención activa', considera que o escenario resultante dos comicios europeos permite facer varias achegas e interpretacións, que recolle nun comunicado.

Así, parten de sinalar que a alta abstención mostra a “dificultade” para facer callar “o proxecto da Europa das burguesías e dos Estados” entre as clases populares. A isto engádese que o resultado das urnas supón “un golpe ao sistema bipartidista configurado por PP e PSOE”. Mais, interpretan desde Nós-UP, a ausencia de “alternativas verdadeiramente rupturistas” fan que non sexa un “golpe definitivo” ao réxime español.

Cadro de loita español

A irrupción de Podemos e os resultados de AGE tamén son albo de valoración pola DN de Nós. Critica que estas 2 formacións que se “presentan como esquerda alternativa” coinciden en “apostar por un marco de loita español, pola ausencia de reivindicación nacional e por un programa rexeneracionista e reformista”. Que estas opcións sumen en Galiza case o 19% dos votos e concentren sufraxios de protesta é algo que é “motivo da preocupación” polo que implica de “consolidación da esquerda españolista na nosa patria”

Resistir

A respeto dos resultados do BNG, desde Nós-UP considera que concentrou “boa parte dos votos dos sectores do pobo traballador que pensan á vez en chaves nacionais e da esquerda”. Eses 80.000 votos supoñen “resistir” nun marco con moitos elementos en contra. Mais que AGE e Podemos o superen debe levar á reflexión.

E é aí onde Nós-UP aponta a ir avanzando e reforzando a “unidade de acción” entre os axentes da esquerda soberanista de cara a “acumular forza social” na “construción nacional”.

Comentarios