O PP rexeita recadar 27 millóns de euros gravando as grandes superficies comerciais

O grupo maioritario na Cámara votou en contra da creación dun imposto para estabelecementos individuais que teñan unha superficie de venda igual ou superior a 2.500m2. A medida foi rexeitada argüíndo que "non é o momento" e pode que sexa "peor o remedio que a enfermidade"

O Partido Popular rexeitou esta terza feira aprobar un novo imposto que grave as grandes superficies comerciais. A medida, proposta polo Bloque Nacionalista Galego foi apoiada polos grupos da opocisión cuxos portavoces salientaron os prexuízos causados por este tipo de comercios ao tecido comercial local. 

Desde 2009 desparareceron na Galiza 40.000 comercios minoristas mentres que as grandes áreas comerciais se fixeron co 62% da cota de mercado. 

O obxectivo da medida era "recadar máis de onde hai e redistribuír" a riqueza, aseverou na súa quenda de intervención a deputada nacionalista, Montse Prado. Neste senso, desde o BNG defenderon a fixación dun imposto que está en vigor noutros territorios como Catalunya ou Murcia e co que a administración galega obtería 27 millóns de euros anuais.

"É unha medida económica e normativa que calquer goberno que teña como obxectivo gobernar en beneficio da maioría tería de desenvolver" espetou Prado desde o plenario apelando á "intervención pública" na economía para "mellorar as condicións de vida" da cidadanía "aínda máis en tempos de crise", acrecentou. Porén, para o PP a Proposición de lei supón "unha medida de calado" que ao entender d@s deputad@s no goberno podería supor graves prexuízos para as grandes áreas comerciais. 

Isabel Romero (PP) dixo que "non é o momento" de aplicar este novo imposto 

"Imaxinen que na Coruña fecha o centro comercial de Cuatro Camimos", afirmou con indignación a parlamentar popular Isabel Romero. "Cantos postos de traballo desaparecerían?" acrecentou. Mais o certo é que as grandes superficies representan o 15% do emprego xerado por este sector, como indicou na sesión o deputado de AGe, Antón Sánchez. 

Comentarios