Paula Prado racha o seu silencio para cargar contra o BNG

A portavoz do PPdeG, desaparecida da escena pública en plena campaña electoral tras as revelacións xudiciais da Pokemon na que saía o seu nome, recuperou a palabra.

paulaprado
photo_camera paulaprado

Paula Prado recuperou a voz. A portavoz do Partido Popular volveu facer uso da palabra en público tras unha longa tempada de silencio. Algo abraiante nunha portavoz dun partido político e máis en campaña electoral. O feito de que até por dúas veces a 'Pokemon' sinalase a esta deputada popular provocou que optase polo enmudecimento e por pasar a un segundo plano. A súa actividade restrinxiuse ás redes sociais.

Mais foi pasar o día das eleccións europeas e recuperar Paula Prado a voz en público. Fíxoo en sede do parlamento Galego, no marco da sesión plenaria. A portavoz popular falou de diversos temas, como a "disciplina orzamentaria" ou para cargar contra o goberno andaluz. Mesmo para, na defensa da adaptación da lei de reforma local, preguntarlle á oposición como era posíbel "tanta incoherencia, tanta hipocresía, tanto populismo de esquerda".

Retruque

Mais o seu ataque máis duro reservouno para o BNG, ao que acusou de ter “ingresos pantasmas que aparecen en contas de xeito inesperado”. Unha frase que fai referencia á noticia da semana pasada que vinculaba a Vendex cun ingreso de 6.000 euros nunha conta do BNG. Mais a propia fronte nacionalista xa aclarou, coa documentación que lles entregou a propia NGB a petición do BNG, que ese ingreso fora feito polo propio Bloque.

Prado dixo esta frase durante o debate con Tareixa Paz (BNG) e Yolanda Díaz (AGE), que lle reprochaban que dese ''leccións'' malia a situación de corrupción na que aparecen envolvidos cargos do seu partido.

As declaracións veñen a se sumar ás realizadas pola portavoz popular sobre o BNG xusto antes de acollerse ao "voto de silencio". Acusou os nacionalistas de lexitimar “cincuenta anos de terrorismo” (pola coligación con EH Bildu).

Terceira demisión no PP de Compostela

De por parte, o edil Adrián Varela presentou a súa demisión como concelleiro do PP en Compostela, asegurando que a súa decisión é de carácter persoal e non obrigada polo partido. É unha demisión que xustifica “por solidariedade” cos 7 compañeiros (edís do grupo de goberno) que sentaron no banco dos acusados tras aprobar en xunta de goberno pagarlle a defensa pola súa imputación na Operación Pokémon.

A marcha de Varela é a terceira no que vai de mandato nas ringleiras do PP de Compostela, tras as de Conde Roa e Ángel Espadas. O alcalde compostelán negou que a demisión de Varela supoña unha “crise” no goberno local.

Comentarios