Podemos Vigo decidirá en asemblea se o galego é o seu idioma de uso público

Unha asemblea con partidarios e contrarios a que sexa o idioma público da organización decidirá finalmente sobre un tema que é motivo de posturas enfrontadas.

O galego como a lingua pública das diferentes organizacións políticas e sindicais, para alén da práctica real e diaria de boa parte delas, é un dos escasos campos nos que ese uso do idioma propio non está en discusión. Así, cartelería, declaracións públicas, comunicados, etc... de partidos e organizacións políticas están en galego.

Por iso a moitos chocou que unha nova formación, situada na esquerda, fose quen irrumpise en Galiza cunha presenza maioritariariamente en español por parte dos seus propios círculos no país. Cartelería, declaracións, voandeiras...

A debate

Nalgúns círculos estase a debater se o galego debe (ou non) ser a lingua pública de Podemos. Nunha acta da xuntanza mantida esta semana pola coordenadora de Podemos en Vigo tiña entre un dos seus puntos, o sexto, “la cuestión de la utilización del idioma gallego”. Un tema que, sinalábase nunha nota aclaratoria posterior e xa escrita en galego, soborda a competencia da propia coordenadora (en principio, partidaria do galego) polo que o acordo será tomado en asemblea, “á que tamén asistirá xente que defende a posición contraria”.

Así pois, nunha asemblea haberá quen defenda o galego como ese idioma público de Podemos en Galiza, e tamén quen defenda o contrario. Na mencionada nota aclaratoria a coordenadora sinalaba: “O sentir maioritario na mencionada coordinadora é o de promover o uso do galego nos nosos comunicados públicos e redes sociais, ó considerar que a invisibilización á que se atopa sometida á nosa lingua colócaa nunha situación de inferioridade respecto ao castelán, e entendendo que esta decisión pode ser máis acorde cos acordos programáticos de Podemos”. Mais, prosegue, debe ser a asemblea quen decida, nun debate no que haberá valedores das diferentes posturas.

Comentarios