Pontón: “O cambio na Galiza vai ser a tres”

“Neste país é necesario un cambio e ese cambio vai ser a tres”. Isto é o que prognostica Ana Pontón, portavoz nacional do BNG, a respeito das eleccións galegas, para as que se marca o obxectivo de lograr “un grupo parlamentar forte que sexa clave na derrota do PP”.

[Imaxe: Radio Coruña] Ana Pontón
photo_camera [Imaxe: Radio Coruña] Ana Pontón

Nunha entrevista concedida a Radio Galicia-Cadena Ser, a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, afirmou que ten moi clara a posición de cara as eleccións galegas: “neste país é necesario un cambio e ese cambio vai ser a tres”. E entre eses tres sitúa o Bloque, cuxo obxectivo para os comicios galegos pasa por acadar “un grupo parlamentar forte que sexa clave na derrota do PP”.

“Nós non nos equivocamos sobre quen son os nosos inimigos políticos e cal é a opción coa que temos que traballar, que Núñez Feijóo deixe de ser o presidente de Galiza”, salientou a nacionalista, que cualificou o Bloque como unha forza que “condicionou a escena política moito máis alá do peso real que tiñamos en número de votos”. Exemplificouno co debate das caixas de aforros, o financiamento ou a transferencia da AP9.

Resultados electorais do BNG

Preguntada polos malos resultados electorais do Bloque, Ana Pontón referiuse ao “cambio de ciclo, problemas na organización, aparición de novas forzas políticas… Nalgún momento non fixemos as lecturas axeitadas das preocupacións que a crise puxo en primeiro plano”. Porén, puxo de manifesto a fortaleza do BNG, un BNG “con centos de concelleiros, que amosa a súa capacidade de transformación e bo goberno municipal”.

A portavoz nacionalista ten clara a receita para a recuperación: “estar máis coa xente na rúa”. Tamén se referiu ao proceso de renovación e cambio no que está inmersa a organización.

"A vida dá moitas voltas e un mellor ou peor resultado electoral non invalida unha alternativa nacionalista”

Pontón salientou que “a vida dá moitas voltas” e “un mellor ou peor resultado electoral non invalida unha alternativa nacionalista”. Lembrou cando se dicía que Esquerra ía desaparecer. “Hoxe, Oriol Junqueras está chamado a ser president da Generalitat”.

Manifesto de Vidán

A respeito do chamado Manifesto de Vidán, Ana Pontón lembrou que a militancia “marcou a folla de ruta” da organización na última Asemblea Nacional. Sobre se o BNG debe confluír coas mareas, a portavoz nacional dixo ter “un convencemento moi claro de que o futuro nacionalismo non se vai afortalar diluíndonos nunha forza política estatal”. Puxo como exemplo disto o feito de que “destacados dirixentes de Anova dixeron que era Podemos a que marcaba o ritmo”.

"O 25X sairemos á rúa democraticamente a facer o primeiro acto de desaloxo de Feijóo de Monte Pío"

O Día da Patria foi outro dos ítems con peso na entrevista emitida na tarde do domingo. Ana Pontón subliñou que o 25 de xullo será un día “non só de festa e reivindicación dos dereitos de Galiza, senón tamén un día no que todos os que queremos que nas próximas eleccións haxa un cambia sairemos á rúa democraticamente a facer o primeiro acto de desaloxo de Feijóo de Monte Pío”.

Unha Galiza, en positivo

A candidata do BNG á presidencia da Xunta quixo deixar a pegada de optimismo que a caracteriza nesta entrevista, na que declarou que Galiza “é un país cunha capacidade moito mellor que os gobernos que temos. De confiarmos nas nosas propias forzas, de responsabilizármonos do noso futuro, temos todo por gañar”.

O feito de cobrarmos na Galiza os salarios ou as pensións máis baixas ten a ver con que “se toman decisións e se concibe a política desde ámbitos onde non se atende ás nosas necesidades”.

"Sempre concibimos que non había separación entre defender un proxecto para unha maioría social e defender o nacionalismo, todo o contrario"

“Sempre concibimos que non había separación entre defender un proxecto para unha maioría social e defender o nacionalismo, todo o contrario”, afirmou a nacionalista, quen tamén fixo un alegato a favor dun sistema de financiamento para Galiza “para que “a chave dos cartos dos galegos non a teña Montoro, senón que a teñamos na Galiza”.

Comentarios