PP e PSOE queren aplicar censura ás redes sociais após o asasinato de León

A policía actuará nas redes para "regulalas", segundo o ministro de Interior. Internautas temen que se utilice esta escusa para impoñer “censura ideolóxica”.

twitter redes sociais smartphone
photo_camera Redes sociais.

PP e PSOE queren aplicar mecanismos de censura nas redes sociais, segundo a súa versión logo dos moitos comentarios que, sobre todo en Twitter, se deitaron na rede após o asasinato da presidenta da Deputación de León, presuntamente por vinganza persoal dunha compañeira de partido.

“Hai algunha rede social que se está convertendo nun lugar moi pouco recomendábel”, chegou a dicir o portavoz no Congreso do PP, Alfonso Alonso. Pola súa banda, o portavoz de Sanidade do PSOE na Cámara española, José Martínez Olmos, urxiu o Goberno a regular as redes sociais “ante a catarata de comentarios indignos que moitas persoas desalmadas verten”. Ante isto, o cargo socialista pide unha regulación que inclúa “un observatorio e un código de conduta, así como lexislar os motivos para actuar e o xeito de facelo desde os poderes públicos para castigar estas condutas”.

"Algunha rede social estase a converter nun lugar pouco recomendábel", asegura o portavoz do PP no Congreso

Así mesmo, o ministro do Interior, Jorge Fernández Díaz, ordenou á Policía investigar as mensaxes inxuriosas que se lanzaron nas redes sociais subidos logo do suceso de León. “Hai que limpar as redes de indeseábeis”, dixo, do “mesmo xeito” que defendeu que “como é necesaria a seguridade en campos como a seguridade vial tamén o é en Internet”.

Operacións

A policía xa detivo a semana pasada a vinte usuari@s de redes por suposta “apoloxía do terrorismo". Todas estas declaracións están sendo xa moi contestadas por parte de internautas, que temen que se utilice a resposta contra os feitos de León como escusa para aplicar “censura con intención ideolóxica”. De feito, non se coñecen críticas nin operacións policiais -de carácter mediático- contra os moitos comentarios ferintes e ameazas que se lanzan contra, por exemplo, os nacionalismos catalán, vasco ou galego, ou contra manifestantes de esquerda e sindicalistas, mesmo contra futbolistas polo feito de usar o seu idioma propio e non o español.

Comentarios