PP e PSOE únense no veto a que a traxedia de Angrois se investigue no Congreso

Ambos partidos rexeitaron a proposta realizada polo BNG. Un novo veto, desta volta na cámara española, aos 3 que a petición dunha comisión de investigación sobre o sinistro colleitara no Parlamento galego.

photo_camera angrois

Mariano Rajoy mirou desde a tribuna do Congreso á deputada do BNG Olaia Fernández Davila, que lle recriminara ter esquecido o sinistro ferroviario de Angrois, e díxolle con solemnidade: “O noso compromiso é que se saiba toda a verdade”. Foi no transcurso do Debate do estado. Apenas 24 horas despois, o partido do presidente Rajoy, o PP, votaba contra que se investigase o maior sinistro da historia recente de Galiza, con 79 falecid@s. Un veto que partillou co PSOE.

Fernández Davila: “Fica claro que PP e PSOE teñen moito que ocultar”

A proposta do BNG na Cámara baixa española instaba a investigar as causas do accidente así como as responsabilidades políticas correspondentes. Unha demanda que os nacionalistas (e formacións como AGE) xa fixeran no Parlamento galego. Mais que por tres veces foi vetada (ben polo PP en solitario, ben polo PP e PSdeG).

A deputada nacionalista Olaia Fernández Davila considera que o posicionamento do PP e do PSOE evidencian ás claras que “teñen moito que esconder”. Durante a súa intervención no Debate afirmara que “unha cousa é o delito penal, que se debe tratar no ámbito xudicial, e outra moi distinta son as responsabilidades políticas que se deben tratar nesta Cámara”.

A parlamentar Davila puxo de manifesto a serie de informes e dados moi graves que indican que “hai responsabilidades políticas, cada vez son máis claras polas rebaixas realizadas no sistema de seguranza ferroviaria e por obviar as advertencias sobre a perigosidade da curva de Angrois”. 

Comentarios