Ana Miranda: "Representamos a xente que se rebela"

O BNG escolleu o incio da primavera para presentar a súa candidatura ás eleccións europeas do 25 de Maio. Encabezada por Ana Miranda, a seguir na listaxe irán, respectivamente, o voceiro da formación frontista na Coruña, Xosé Manuel Carril, e a xornalista e responsábel de Relacións Internacionais en Galiza Nova Olalla Rodil.

bng_dentro
photo_camera 1) Xosé Manuel Carril e Olalla Rodil conversan coa profesora María do Pilar García Negro 2) Suso de Toro dialoga con Ana Miranda e Xabier Vence 3) Momento da intervención da candidata Miranda 4) Foto de grupo [Imaxes: SG]

"Representamos a xente que se rebela, a Galiza viva e combativa, a cidadanía que non se resigna e que loita polo que é seu, os movementos sociais implicados nos problemas do País". Así o sinalou Ana Miranda, cabeza de lista do BNG ás eleccións europeas do 25 de Maio, no acto de presentación da candidatura que se realizou este sábado na sede nacional da formación frontista en Compostela. 

"A Galiza de hoxe é a Galiza do desemprego, da emigración da mocidade, do recorte das pensións, do roubo e a privatización do ensino e da sanidade, da limitación dos dereitos das mulleres, do desmantelamento industrial, das estafas bancarias, do inxusto castigo aos emigrantes retornados, do naval en crise, do agro ameazado pola fin das cotas lácteas, da frota do cerco en loita", enumerou Miranda, repasando máis unha vez as problemáticas que foron debullando @s candidat@s á maneira das razóns polas que é necesaria un voz que defenda os intereses do pobo galego en Bruxelas. 

O BNG como ''antítese galega á UE''

Así as cousas, o número dous a Bruxelas, o voceiro do BNG na Coruña, Xosé Manuel Carril, definiu a Unión Europea coma un espazo "que representa a primacía do económico sobre a democracia, das minorías selectas sobre as maiorías sociais e dos estados sobre as nacións sen estado" e acrecentou que ese espazo "nada quere saber das persoas". Con todo, quixo defender a súa presenza na candidatura "porque o BNG é a antítese galega á UE".

En nome da mocidade ''que non se resigna''

"Teño 24 anos e veño da montaña de Lugo", enfatizou a número tres, Olalla Rodil, responsábel de Relacións Internacionais na organización xuvenil Galiza Nova e xornalista do Sermos Galiza. Dixo concorrer na listaxe a Bruxelas "en nome desa mocidade que non se resigna nen á precariedade laboral, nen á emigración nen ao desemprego". O seu obxectivo, acrecentou, "é sinalar directamente a UE e a Troika como responsábeis políticos da actual situación que atravesa a mocidade deste País". 

Para combater desde Bruxelas calotes coma o das preferentes

O número catro da candidatura nacionalista é para Xesús Domínguez, "autónomo e fillo de estafados polas participacións preferentes e subordinadas". Cara visíbel da loita contra este calote por ser o voceiro da Plataforma de Compostela, Domínguez explicou o seu desexo de ir da man do BNG a Europa porque ten sido esta formación política "coa colaboración de Ana Miranda" quen permitiu que @s estafad@s "chegaramos ao Parlamento europeo, á Comisión de Denuncias, para levar o noso caso, mais chegamos tamén ao Congreso dos deputados e ao Parlamento galego". 

Contra quen está a destruír a Galiza ''como pobo''

Alba Fidalgo, traballadora da automoción, integrante da CIG e de plataformas sociais como a que loita contra os abusos bancarios e os desafiuzamentos, é o número cinco da formación frontista a Bruxelas. Defendeu o compromiso d@s nacionalist@s coas loitas sociais e considerou que a voz do BNG "é a única ferramenta útil que temos para combater este sistema que nos está a destruír como pobo". 

"Porque temos que tomar partido"

"Porque vivimos un momento de excepción e temos que tomar partido", argumentou o profesor e escritor Suso de Toro para explicar as motivacións que o levaron a incluír o seu nome nesta candidatura galega. "Están a destruír Galiza e este é o lugar para defender as políticas en defensa dos dereitos sociais, unha sociedade xusta e Galiza coma un ente político que exista como nación na historia".

Lembrou o Prestige para dar conta "da importancia de ter voz en Bruxelas" porque cando o Goberno español e o galego se negaron a crear unha comisión de investigación para depurar responsabilidades políticas "foi en Europa onde se nos escoitou e onde se tomaron decisións fulcrais para a protección das nosas costas". 

"Non queremos esta UE e só desde dentro poderemos mudala"

No sétimo posto irá a actriz Isabel Risco. Presentouse a si propia como "muller, nacionalista, de esquerdas e filla da cultura galega, do mar e da terra, con mención especial para os meus pais que tamén fixeron o seu" e defendeu a candidatura e a súa presenza nela "porque creo neste País e non me resigno a que o intenten destruír. Non queremos esta UE e só desde dentro poderemos mudala".

Para frear a privatización e o desmantelamento da sanidade pública

O médico de familia en Vigo e membro de SOS Sanidade Pública Miguel González Moreira, tamén se integra na candidatura do BNG, no oitavo posto da listaxe. "É moi importante que se escoite a nosa voz en Europa para denunciar as políticas de privatización e recortes no conxunto dos hospitais públicos e as maiorías sociais que van padecer as consecuencias".

Por unha Galiza "soberana e feminista"

"Feminista, nacionalista e galega" foi a presentación que de si propia deu Vitoria Louro, responsábel de Acción Feminista do BNG na Coruña e que esixiu que a transversalidade de xénero se incorpore ás políticas públicas "para que as desigualdades de sexo non se convertan en desigualdades sociais de xénero".

Para lle devolver a vida ao naval

En nome d@s traballador@s do naval falou César Domínguez, número dez da candidatura, quen defendeu "un sector estratéxico" a piques de ser desmantelado "polas políticas da UE e do Goberno español coa conivencia da Xunta". 

Comentarios