Crónica

Rueda négase a que a Galiza poida negociar un financiamento propio co Estado: as chaves da reunión con Sánchez

O presidente galego insta o seu homólogo español a "cortar de raíz" coa bilateralidade.
rueda e sanchez
photo_camera Alfonso Rueda e Sánchez, esta sexta feira. (Foto: Alberto Ortega / Europa Press)

Sen sorpresas. O 5 de setembro a reunión de presidentes de comunidades gobernadas polo PP acabou cun compromiso fixado pola mandataria madrileña, Isabel Díaz Ayuso,  e asumido polo líder do Partido Popular español, Alberto Núñez  Feixoo: nada de negociacións singulares ou bilaterais, o financiamento autonómico debía de negociarse entre todas as comunidades. Os presidentes autonómicos acataron, se ben algúns —Andalucía e País Valencià— xa dixeron días despois que eles ían falar co Goberno español das súas "singularidades". Mais non Alfonso Rueda.

O presidente galego gabouse esta segunda feira de "ser fiel" á súa palabra e esta sexta feira, na reunión na Moncloa co seu homólogo español, Pedro Sánchez, seguiu o guión fixado naquel 5 de setembro. Até o punto que vetou calquera posibilidade dun diálogo entre a Galiza e o Estado sobre o modelo de financiamento para o país que goberna. "Necesitamos un novo marco de financiamento, pero esa negociación ten que ser multilateral, con todas as comunidades sentadas co Goberno español", dixo Rueda na súa comparecencia unha vez finalizada a reunión, que se prolongou durante hora e media.

"Os pactos de financiamento singulares prexudican todas as comunidades", proseguiu, reiterando que o financiamento debe de ser falado "en conxunto, con todos". O titular da Xunta incluso instou o presidente español a "cortar de raíz" cos acordos singulares neste tema, como o alcanzado con Catalunya. Para Rueda, o foro para falar do financiamento para a Galiza é a Conferencia de presidentes autonómicos, como paso previo ao Consello de Política Fiscal e Financeira. "Falar entre todos", repetiu varias veces durante a súa intervención.  "Á Galiza non lle conveñen acordos bilaterais", reiterou tamén non poucas veces. 

A Galiza ten "necesidades propias" en financiamento, recoñeceu o titular da Xunta, mais estas non deben de "reclamarse" ante o Goberno español, senón que teñen que exporse nun "foro" co resto de comunidades autónomas. "Preocúpame", concluíu Rueda, que Pedro Sánchez "non entenda que isto [o financiamento autonómico" hai que "falalo entre todos". "Nin amago de negociar bilateralmente", insistiu.

Rexeitamento frontal a unha quita na débeda

Non só se opuxo Rueda de fronte  a que a Galiza dialogue directamente co Estado o seu financiamento. Tamén negou con rotundidade a posibilidade de que a Galiza se acolla a unha quita da débeda —tal e como se contempla no acordo de investidura asinado polo BNG e o PSOE—. Na reunión na Moncloa apenas se mencionou o tema da quita, dixo Rueda, máis aló de que Pedro Sánchez sinalou esa opción como unha "fórmula" máis a ter en conta no sistema de financiamento. Pero o presidente galego quixo deixar claro que se o seu homólogo español non insistiu neste tema foi "probabelmente porque sabe a miña postura sobre este tema". Rueda, e canda el outros integrantes do seu Goberno, como o conselleiro de Facenda, Miguel Corgos, afirmaron nestes días que á Galiza non lle interesaba quita ningunha. "É un traxe a medida do independentismo", criticou Corgos.

Da quita tamén falou Ángel Victor Torres, ministro de Política Territorial e de Facenda, que fixo de portavoz de Pedro Sánchez e compareceu a seguir de facelo o presidente galego. A quita da débeda, apuntou, vai estar na orde do día da reunión do Consello de Política Fiscal e Financeira. Será cuestión de cada comunidade, deu a entender, o que faga ao respecto. Torres resumiu a posición do Goberno español para abordar o financiamento autonómico: "Un sistema multilateral e que teña en conta as singularidades". E preguntou que criterio defende o PP, "o de financiamento por poboación, por dispersión, por renda?", consciente de que as comunidades gobernadas polos populares teñen intereses distintos.

Pontón: "É un fracaso"

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, resumiu a reunión de  Alfonso Rueda con Pedro Sánchez, como "un fracaso e unha oportunidade perdida para a Galiza"porque, recalcou, "lamentabelmente, o señor Rueda non foi aló defender os intereses dos galegos e das galegas, senón os intereses do Partido Popular".

"Quere que a Galiza xogue en terceira división, negándolle un modelo de financiamento que xa ten Euskadi e vai conseguir Catalunya”, lamentou a nacionalista. Para Pontón, o titular da Xunta foi a Madrid "a rebaixar o status de Galiza como nación histórica". "Perdeu a oportunidade de avanzar nun modelo de financiamento que sexa beneficioso para país", denunciou.

Co actual modelo —caducado en 2014— a Galiza rexistra un déficit anual de máis de 1.500 millóns de euros segundo o estudo realizado polo Consello de Contas da Galiza.

Recordou Pontón que o BNG chegou a un acordo co Partido Popular  no Parlamento galego hai menos dun ano precisamente para solicitar ao Estado unha quita da débeda.  "Que cambiou para mudar de posición? O que cambiou é a estratexia que lle marcan dende Madrid", reprochou a líder da oposición na Galiza.

A nacionalista considera que Rueda, "incapaz de negociar un mellor financiamento para Galiza e unha quita da débeda", dedicou boa parte da reunión con Pedro Sánchez "a facer de comercial de Altri e das eléctricas", reclamando financiamento para "a macrocelulosa contaminante e para avanzar no espolio eólico, deixando claro as súas prioridades e que intereses defende".

Besteiro:"Peor, imposíbel"

O secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, viu "incomprensíbel" que o presidente da Xunta se negase a tratar na súa reunión con Pedro Sánchez unha mellora do financiamento para a Galiza e a quita  da débeda. "Hoxe era o momento de mirar pola Galiza, e Rueda mirou por Núñez Feixoo", afirmou, para engadir como resumo do papel de Rueda nesta reunión: "Peor, imposíbel".

Financiamento para Altri e reactivar a eólica mariña

Rueda presentouse na reunión da Moncloa cun dossier que entregou  a Pedro Sánchez no que recollía diferentes demandas do Goberno galego. Unha delas, sobre Altri: "Espera financiamento europeo", apuntou, e carecer aínda dunha declaración ambiental non debe ser un obstáculo para obtelo. "Pedimos un trato igualitario co doutros proxectos noutros territorios", argumentou Rueda. O presidente tamén trasladou a Pedro Sánchez a necesidade de acabar coa situación "parada" da eólica mariña tras a aprobación dos Plans de ordenación do espazo marítimo (POEM), e presentouse como o valedor da transferencia da autoestrada AP-9.

"No Congreso hai unha iniciativa polo traspaso aprobada por unanimidade no Parlamento galego, tamén co voto do PSOE", dixo, e viu "incomprensíbel que [o PSOE] non a apoiase [na Cámara española]". Cando o PP gobernaba no Estado, porén, as iniciativas unánimes do Parlamento galego con esta mesma demanda que chegaban ao Congreso foron vetadas até en dúas ocasións.  E reclamou o "compromiso" do Goberno español para a conexión da Alta Velocidade Galiza-Lisboa, e pediu que se convocase a comisión mixta para negociar transferencias entre o Estado e a Xunta —o que Sánchez aceptou—.  Faino Alfonso Rueda en nome dun Goberno que desde 2009 só solicitou unha.

Comentarios