O sector crítico de Anova avoga pola ‘ruptura’ en chave de República Galega

Ex-membros da dirección da organización piden que se aposte en ‘’abrir procesos constituíntes” superando “un mero referendo sobre a monarquía”.

Ex-membros da dirección nacional de Anova-Irmandade Nacionalista, e que conforman o que se coñece como "os nacionalistas", reclamaron mediante un comunicado unha ‘fronte ampla’ contra a monarquía española e a prol “dunha República galega”, tal e como esta quinta feira recollen diversas axencias de información.

Este sector apoia a realización de xuntanzas de “forzas políticas galegas nacionalistas e de esquerda que recoñezan o dereito á autodeterminación” para avanzar na liña de procurar unha “unidade de acción” que calle en “abrir procesos constituíntes de ruptura co actual réxime”, superando que se produza “un mero referendo sobre a monarquía”.

"Propostas para unha maioría social"

Para este sector, nos comicios europeos perdeuse unha oportunidade por parte das forzas nacionalistas e de esquerda galegas "de articular unha gran expresión electoral de fronte ampla", pero consideran que a decisión de El-Rei de abdicar "abre un escenario novo que é necesario aproveitar". É por iso polo que propoñen "renunciar ao partidismo sectario" e ofrecer "propostas para a maioría social" co obxectivo de estabelecer un modelo de república en Galiza.

"As persoas que nos agrupamos en torno ao manifesto Anova-nacionalista poremos todo o noso empeño en colaborar para que avance a caída do réxime franquista-borbónico saído da reforma de 1978 e ábranse procesos constituíntes desde abaixo, da soberanía das nacións", alegan.

Comentarios